<$BlogRSDUrl$>

    

             Esta páxina faise co Blogger. E a túa?

             Weblog comentado coa axuda de HaloScan.com

                   

Catu?
What will be, will be? Qué será, será?
Links
Abre noutra
           subscribe to this feed




          Creative Commons License
Esta lideira faise contando con   recoñecemento, de uso non comercial e para compartirmos igual segundo a licenza de Creative Commons

Xa había moito tempo que non ía ao Playa Club, e o venres houbo unha boa escusa. Deixamos o carro en Riazor, ben lonxe dun bus pintado con letras ben grandes Andy y Lucas que estaba sendo rodeado por moitas nenas de quince anos. Nós iamos darnos un baño pop de dúas horas cos donostiarras de La Buena Vida e saín de alí con moi bo corpo; foi un moi bo directo a pesares dos primeiros problemas co son e increible conexión dun público que non puido escoitar "Nadadora". As últimas saídas do Playa tiñan sido un pouco máis "moviditas" e "Un actor mejicano" axudoume a ser feliz doutro xeito...

...por aquí sentín as doces ondas que levaban aqueles corpos e aquelas voces...

...á mañá leo na Voz de papel que Mariano desprázase polos mitins en helicóptero e nun Audi A8 e o seu elo Zapatero vai de Lancia Thesis. Imaxino que serán blindados por aquilo que din de "razóns de seguridade" pero xa lin a noticia e quedo con fame, falla moita información para me saciar. Se fosen blindados non sei sequera que motor levan e supoño que será un motor potente para poder mover cun pouco de xeito o aumento de peso que supón a blindaxe, e ¿andarán a gasolina ou gasóleo? ¿e terán GPS e conexión UMTS, ou terán sintonizador de TDT (televisión dixital terrestre)?

No xornal falan, e creo que con propiedade, que o candidato de Pontevedra leva un coche de máis empaque que o leonés, que elixiu unha marca italiana que é recoñecida actualmente polos seus deseños vanguardistas e luxosos cun leve toque de deportividade a un prezo bastante máis contido do que os seus competidores alemáns, aínda que a cambio de que os seus fallos de rematado e a súa fráxil fiabilidade sexan vox populi e o A8 é agora famoso por ser o coche que salvou a don Manuel o outro día, un vehículo que rexeita o exhibicionismo de Lancia coa sobriedade e calidades de acabado do fabricante alemán amosando asemade a vangarda da técnica apuntada nese novo rol de marca deportiva que ten dentro do grupo VAG.

Da súa categoría, se eu tiver que escoller, a miña elección sería o BMW 760i, tanto para ir de piloto como para ir no asento traseiro con toda clase de comodidades e aplicacións tecnolóxicas inimaxinables hai uns anos...

Agora vou ver se atopo información do que levan o Quintana e o Llamazares, sinto curiosidade e imaxínoos ao primeiro nun Citroën, quizais un que se constrúa en Vigo ainda que o único turismo que se fai aquí é o Xsara Picasso, e ao segundo pode ser que nun Seat Toledo por aquilo de que é unha marca española, aínda que as primeiras unidades foron construídas en Bélxica...

¿E quén pagará todo isto? Quero pensar que están patrocinados polos fabricantes pero non as teño todas comigo, fagan apostas. Cantos máis procesos electorais pasan por min, estou máis convencido de que todo isto é gastar cartos que fan falla. E se non, polo menos é interesante a opción de Manuel Pimentel (sí, aquel que marchou do PP) creando Foro Andaluz, un partido que di que hai que reformar o sistema de financiación dos partidos políticos por non estar de acordo con que se financien cos impostos dos cidadáns...
2/29/2004 02:35:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






¿Era iso? Non sei como foi pero estou pensando que sou un diletante, así que fun ver que opinaban os que sabían do tema para chegar aos puntos de partida, dando cun de Santiago.

A definición faime pensar.

Leo todo, e cando digo todo significa que leo todo o que me poida parecer interesante. Danme as dúas da mañá se me decatar e sigo lendo, calquera cousa vale, blogs, foros, webs, news, feeds, ainda que cunha clara inclinación á tecnoloxía. Sempre me pregunto se será para estar preparado para o futuro.
Non sei porque quero saber de todo para ao final pensar que non sei nada.

A moitos homes dalle medo a altura e para axudalos unha empresa americana cre que o mellor xeito de loitar contra ese tipo de medos e ansiedades é creando un entorno virtual no que o paciente ten que enfrentarse a eses medos. Así ao que ten algún síndrome de guerra, aplícanlle o Vietnam virtual que consiste en situar ao paciente en lugares de guerra no medio de campos minados e con disparos por todas partes. Como para non cagar co medo.

Outros teñen medo á vida, cada segundo que pasa...
2/27/2004 01:58:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






E aquí están con casanseu curriculum, os participantes do concurso "¿Quén é o máis parvo de nós os tres?"

Co dorsal número 1 Federico Trillo-Figueroa y Martínez-Conde que nos di que da "por no dichas" a súas afimacións sobre a toma da pedra de Perejil.

Co número 2 Julia García-Valdecasas Salgado tenta seguir ao seu compañeiro dicindo que "de alguna manera, el PSOE ha pactado en Cataluña con asesinos e irá con asesinos en la candidatura al Senado".

E co número 3 Ramón Luis Valcárcel Siso vai e larga que "entendería la oposición de Maragall (suponse que ao trasvase do Ebro) si habláramos de vino, porque bebe muchos hectolitros al día".

E vese que eles non o teñen nada claro. Eis o que rexistrou o micrófono dun cámara de televisión nunha conversa entre Esperanza Aguirre e Alberto Ruiz-Gallardón,

E.A.: Ahora que ha dicho «El País» lo de militares africanistas, por lo de Trillo....
A.R.G.: Todo fue por lo del euro, por la broma que le gastó a la periodista.
E.A.: Es que no fue afortunada. La broma fue una gilipollez, de pleno.
A.R.G.: Creo que nos están escuchando...
E.A.: Bueno, tampoco estamos diciendo nada malo...


Non pode ser certo, todo isto non pode ser certo. ¿Será a ansia da proximidade das eleccións?
2/25/2004 01:01:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Xa vai un ano da noite en que cheguei a Casa e son moitas as lembranzas que me trae o día que Galicia foi a Madrid. Esta tarde lía na cova da moura os escritos de toda aquela xente que deixou alí a súa pegada e sentín de novo toda aquela emoción que sentimos os que aló fomos o 23 de febreiro do ano 2003.

O sábado fora intenso, aínda o pasei chamando a todos aqueles que dixeran que ían ir pero ao final non foron. Por causa deles, que non foron, e por ela, que tamén quedou na Casa, houbo un momento de dúbida. Pasei toda a tarde, mentres daba voltas por toda a casa coma agardando algún sinal, dubidando se ir ou non.

Tiña que ser así e alí estaba, no frío da Ferrería de Pontevedra, preparado para ir cara a Madrid nun bus compartido cos anarquistas. Só tiña amistade cun dos do bus e era co que ía a compartir a travesía de Castela; xa estabamos para subir ao bus e uns marroquís do Grove (xuro que tiñan acento do Grove) viñeron vendendo camisetas de Nunca Máis "deseñadas?" por eles. Aí comezaba a aventura.

A primeira vez que sentín un nó na gorxa foi na altura de Verín e ver todos aqueles autobuses coas luces bermellas na noite indo en procesión sen límites. Non daba a hora de chegar, coa luz chegaron os turismos, milleiros de carros que nos adiantaban e todos levaban a nosa cultura máis próxima, con matrículas galegas e cheos de bandeiras. A ansiedade xa non era controlable ao entrar na fenda do formigón e ver as bandeiras de Nunca Máis tamén nas casas castelhanas, logo xa me deixei levar polo que alí había. Fomos camiñando ata o Museo del Prado xa que alí era o meeting point. Alí sentinme orgulloso, vin durante case unha hora como pasaba por diante nosa xente de Moaña, xente de Panxón, xente de Cambados, xente da Coruña, xente de Boiro,... e todos coa fachenda de sentírense galegos.

Quedara coa parella e polo camiño só vía caras coñecidas, vin a moita xente que había tempo que non vía, parei nunha cafetería invadida por unha tropa de Aguiño, pasei polo Reina Sofía e había un rebumbio de música e festa (tamén alí foi onde vin aos únicos energúmenos). Eles estaban na zona VIP (onde estaban os que organizan, os famosos, o camión, os animadores e maila prensa) e fixéronme pasar polo cordón de control que tiñan montado os da organización, démonos varias apertas mentres ao noso redor a prensa entrevistaba a Antón Reixa, a Manuel Rivas, algún político,... Ben logo comezamos a andar para dicirlles porque estabamos alí, reivindicándonos, aprendémoslle aos castelhanos a dicir "Con este Goberno, imos de cu" mentres nos pedían pegatinas de Nunca Máis e chegamos a un lugar que alí chaman Puerta del Sol.

Como a parella quería estar en primeira fila, loitamos por avanzar por entre máis coñecidos que saudabamos para chegar a uns quince metros do camión dos que ían falar. Dese momento lembro as chamadas que me fixeron para dicirme que me viran no Telediario e agora quedan as fotografías da prensa e o vídeo cos discursos. Na miña mente, aquel exercicio de reivindicación de responsabilidades dunha xente que actuou dun xeito incompetente e que aínda hoxe nos quer enganar; e a explosión co Miña Terra Galega de Siniestro Total (foi en tempos a nosa canción de exaltación da amistade) foi a festa rachada, nese intre todos botamos fóra toda aquela tensión acumulada durante todo o día. Un gran día.

A volta foi en carro, con turnos ao volante, e agora era eu quen adiantaba a toda aquela rigleira de turismos e autobuses galegos. As conversas foron sobre a experiencia vivida. Nós xa nos decatabamos que fora un día moi importante nas nosas vidas e na do noso País. Galicia aínda estaba viva.

Supoño que calquera que vexa as fotografías poderá imaxinar o que alí pasou pero creo que só os que alí estivemos temos rexistradas esas vivas sensacións que xamais esqueceremos. Hoxe soñaba con lle poder contar ao noso fillo que eu tamén estiven alí e que cando cheguei onde a súa nai só quería falarlle en todo o que me pasara durante horas. Á mañá seguinte doíanme os pulmóns de tanto soplar co asubío. Aínda se me pon o pel de galiña e as bágoas ameazan aos meus ollos.
2/24/2004 01:39:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Ás veces estou moi canso, pero non me canso de ler, de ir de aquí para alá só coa finalidade de adquirir coñecimentos, mais coñecimentos vanos. Sempre pasa o mesmo.

Teño que comprar dous novos telemóveis e desde o momento en que xorde a necesidade empezo a empaparme de siglas, prezos, tarifas, promocións, ofertas, prestacións... e leo reviews, mini-reviews, user opinions, reviso foros co fin de averiguar posibilidades ocultas.
Ao final resulta que quero comprar móveis que nin sequera chegaron ao mercado pero que teñen nin máis nin menos o que eu preciso.
O punto de partida era un móbil que usase Bluetooth, é un paso cara o futuro sen cabos, o primeiro paso cara unha rede persoal para controlar calquera aparello electrónico que estea próximo a ti. Hoxe podo conectar entre sí un teléfono, un pda, un teclado mais o maus, un receptor GPS, o mans-libres do carro, o auricular, a impresora, o PC,... ¿cómo che será no futuro se agora xa podes interactuar cun cochiño e un receptor de TV?
Para os aventureiros de camiños e corredoiras que desexen apaixonarse polo mundo dos GPS, habería que aproveitar o ofertas do dólar US$...
Toda unha tentación.

Ah! e ollo co bluejacking e o bluesnarfing, porque non che sei como será isto no futuro, xa que empezamos con redes persoais e habemos rematar interconectados a outros aparellos de redes IP con chips integrados no noso cerebro e que controlaremos co poder da nosa mente a través de VPNs case coma no universo de The Matrix.

E nas conversas cos nosos amigos sairán preguntas do tipo:
"E ti, ¿qué firmware lle estás a instalar aos teus fillos? ¿E non usas cortalumes?"
2/23/2004 01:07:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Do día de hoxe quedo cun par de detalles,

a satisfacción persoal de que ao cura de Baredo e Baíña (Baiona) lle aumenten a pena a cumplir no cárcere por agredir sexualmente a menores (habería que investigar que porcentaxe dos violadores de menores pertencen ao clero) e na insatisfacción doutros.

e o outro ocorreu mentres ía conducindo desde Ribeira cara a Padrón para coller a AP9 (cousas da ponte minguante de Catoira) e ir ao Sur. Pois foi que ía cambiando de emisora e chego a RNE5 e contan que Zapatóns tivo un accidente. A verdade é que pensei que o locutor ía dicir que... morrera; nunha décima de segundo deume tempo a lembrar o de Hai que ir morrendo, Manolo, hai que ir morrendo (poñei a música de Guantanamera). O da radio segue dicindo que a don Manuel non lle pasara nada pero que había feridos e continua relatando que a culpable fora unha muller que invadira o seu carril...

Xa na autoestrada, penso no accidente de Zapatóns e que dubido moito da versión do parte de Radio5 e nas velocidades ás que me adiantan con frecuencia os da comitiva oficial, normalmente formada por un Renault Laguna coas cores da Guardia Civil, seguido por un Peugeot 406 "camuflado?" de azul metalizado que precede ao carro do presidente da Xunta con don Manuel sen o cinto posto e a unhas velocidades que acostuman ultrapasar os 160 km/h. Pecha o desfile outro Laguna con lucecitas. A min, que me gusta conducir e de cando en vez pisarlle ao pedal da dereita, téñenme dado ganas de pisarlle un pouco para comprobar a que velocidade circulan, mais ao final nunca o dou feito, seguramente polo mesmo motivo que máis dun levanta o pe case sempre que ve a un dos carros dos Picoletos estacionado sospeitosamente.
Cando tiveron o accidente, ¿habían ir a velocidades legais?
2/19/2004 11:10:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente






Todo o mundo a preocupárense do cese de actividade, que non tregua, dos asasinos da ETA e mais do "acordo" insolidario de Carod-Rovira para cos seus viciños e nós con tódalas súas consecuencias, mentres tanto, estabamos a falar cunha moza catalana de que aínda non tiñamos nome para o noso futuro meniño. Comentounos que ela lle haría de poñer Albert ou Roger, así que o que fixemos ao chegar á nosa covecha foi procurar e tirar unha pequena lista de nomes galegos; ei-la,

Airas
Alberte
Andeiro
Breixo
Caetano
Denís
García
Iago
Paio
Pedro
Roi/Rui
Vasco

Xa sei que é moi pequena e non fago idea de se o elixido será algún destes. Haberá que quitar algúns e poñer outros. Moitos quizais mañá xa non agraden. E os máis deles son tan...
Chamarse Vasco como o heroico navegante Vasco da Gama, ¿será políticamente correcto?
E apoiar ao Carod, ¿será sequera correcto?
E digo, se é un cese de actividade, ¿mandarán aos terroristas destinados en Cataluña ao paro?
2/19/2004 01:54:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Moito traballo, moita troula, moitos estimulantes e moito estudio e lectura na computadora dan co cansancio físico. Tiña pensado xustificarme a min mesmo para non escribir nada esta noite pero, que caralla!

Atopo isto no Público.
O primeiro-ministro portugués, Durão Barroso, e líder do PSD foi dicirlle aos amigos do Opus que "O PSD e Portugal estarão ao lado de Mariano Rajoy e do próximo Governo de Espanha" e eu pregunto, ¿non soa isto a actitude dictatorial?, ¿quén é o primeiro-ministro dun país para apoiar a un candidato dun partido nunhas eleccións dun país estranxeiro no nome de todo el?
A min isto paréceme unha actitude dictatorial coma a do seu colega español e tamén xefe de goberno que esquece o tema da separación de poderes e pasan por riba de todos sen inmutarse...

Despois dixo outra pérola "Para nós, democratas do centro reformista, inspirados nos valores humanistas, a sociedade vem antes do Estado, a pessoa humana, cada cidadão, é a prioridade de toda a política."
Ata onde a miña razón me da, non descubro esa inspiración por ningures, o que sí que entendo é que gobernan para sí e os seus...

Chama a miña atención ver que sabe Cabrafanada disto, pois non era a primeria noticia que me chegaba, quizais habería que indagar nos que traballan aquí ao lado e aproveitar para preguntarlle porque non o fan en galego tal como se fai en Cataluña.
2/17/2004 01:20:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Entérome lendo La Voz que os que xestionan os nosos cartos acaban de decidir que os carros que se dean de baixa en Tráfico precisan previamente dun certificado de destrucción que será expedido por uns centros autorizados pola Administración. Con todo isto, o que pretenden é eliminar da rúa eses carros que a xente deixa abandonados, así como os cemiterios de carros, cousa que me parece moi ben, pero tamén obriga á persoa que queira desfacer o seu carro a desprazalo a un desguace autorizado, e ¿qué pasa se o carro está avariado? Sucederá que o seu propietario terá que pagar a un guindastre para que o desprace ata as instalacións do desguace, algo que non é precisamente barato, así, como recolle La Voz, un residente en Verín terá que levar o seu carro ata Vigo ou Vilalba, que onde se atopan os centros actualmente autorizados máis próximos (a máis de 200 km. de distancia). Despois disto, o desguazador convértese no propietario do carro para poder utilizar as pezas para reventa, cousa que xa viñan facendo comprando carros vellos con posibilidades de restauración e despois vendendo os carros completos ou por pezas a prezos abusivos.

¿Quén non coñece a alguén que conserve un Seat 127, ou un Escaravello, ou un Dous Cabalos ou incluso un R4 abandonado na súa casa?

Moita xente conserva eses carros polo seu valor sentimental ou simplemente porque non lle daban un peso por el e prefire poder velos máis ou menos abandonados na súa finca antes que entregarllos a un desguace para que se lucre con eles. Pois o certo é que algúns destes conservadores rurais, despois de moito tempo, adican parte do seu tempo libre en restaurar o que posiblemente fose o seu primeiro carro para saír a pasear con el os fins de semana ou mesmo para uso cotián. Así que, os que aínda conservedes algún clásico popular dado de baixa ou aínda en circulación, pensádeo ben antes de mandalo ao desguace pois seguramente podería dar moitas satisfaccións a máis de un e é a única forma de que xeracións futuras coñezan unha parte do pasado. Para exemplo, o deste Escaravello que estivo abandonado nos EUA durante seis anos, e xa vedes como estaba e como quedou despois da restauración.

Os gobernantes pretenden que quen queira conservar o que é seu, siga pagando impostos. O importante ao final é recadar cartiños.
2/13/2004 06:05:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente




denena

Ela chámase Teresa Heinz Kerry, e é a muller do candidato a candidato á presidencia dos EUA polo Partido Demócrata e a súa historia pareceune curiosa desde o comezo.

Casada cun dos candidatos do Partido Demócrata ás Eleccións Presidenciais, era viúva multi-millonaria por mor do que lle deixara en herdanza John Heinz III (si, é o da maonesa) despois de vintecinco anos casados, co que marchou aos EUA para casar depois de coñecelo mentres ela estudiaba na Escola de Traducción e Interpretación de Geneve (fala cinco línguas e traballou de intérprete na ONU). Alí chegara para completar estudios desde a Universidade de Witwatersrand, en Johannesburg onde se licenciou logo de educarse con monxas británicas en Moçambique, onde naceu hai sesenta e cinco anos no que ela coñeceu como Lourenço Marques e que agora se chama Maputo.
O seu pai era un médico de Coimbra que fora para a África e inscribiuna no Registo Civil como Maria Teresa Thierstein Simões-Ferreira.

Un nome un pouco estraño para unha Primeira-dama americana, que só asumiu o apelido do seu actual marido antes da campaña electoral e que ten feito correr moita tinta nos últimos meses por dicir o que pensa e non seguir o guión dos asesores do seu home.
Nunha entrevista para a televisión, Teresa Heinz Kerry, declarou que o feito de ter vivido durante a dictadura en Portugal fai que a liberdade de expresión sexa algo que ninguén lle poderá nunca negar, e que calquera que teña vivido nunha dictadura comprende que a peor cousa que poderían facer sería sacarlle a alguén a súa liberdade de expressión.
O seu home considéraa un trunfo e algúns do seu Partido consideran que o mellor sería "amordazala". Sexa como for, parece que o cambio sería para mellor. E iso que disque non se considera cobizosa e que cando casou só pensaba en criar aos fillos.
Aínda que ten ascendencia portuguesa e como só pode ter dúas nacionalidades, escolleu a mozambicana e a americana e quizais esté interesada nisto pero as malas línguas din que lle interesa máis istoutro.
2/12/2004 02:19:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Ata o de agora houbo sempre galegos por todo o mundo, pero duns anos a esta parte tamén as empresas galegas empezan a saír ao exterior; moitos coñecen a esas empresas galegas con dimensión internacional e aínda así poucos saben de Televés, que aínda que non sae moito nos xornais publicítase cos seus productos, esas antenas parabólicas de cor laranxa que se ven por moitos tellados.
Esta empresa, que desde Santiago leva os seus productos a medio mundo, publica periodicamente na súa web un boletín informativo coas súas novedades no eido das telecomunicacións e no deste mes sorprendeume ler o seguinte titular,
"Televés con las tropas españolas en Irak"
A información que dan é só técnica e polo tipo de instalación utillizada semella que está orientada ao Eutelsat, así que non poden ver, entre eses quince canais, o Supermartes, cousa que se podía facer hai uns meses, ¿será que o eliminaron da grella porque non o vía ninguén? Aínda que ao mellor téñena orientada ao Hispasat (tería que calcular se é posible)...
Así, a tecnoloxía galega podería chegar a server de ponte entre as tropas españolas e o Superpiñeiro.
Pois mira ti qué ben.
2/11/2004 01:32:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Hai complicacións no mundo de mirar a televisión pola cara.

Ao producto da fusión (por algúns tamén chamada absorción) das antigas plataformas dixitais de televisión vía satélite con sede en España, nomeadamente Vía Digital (VD) e Canal Satélite Digital (CSD), chamóuselle Digital+ (D+). Ata aquela, as emisións de CSD, encriptadas co sistema Seca, eran pirateadas por unha morea de xente desexosa de poder ver o partido do Depor sen pagar un peso. Entón foi cando Mr. Polanco decidiu mudar os cartóns de todos os seus clientes á vez que pasar á encriptación Seca2.

Pola súa banda, VD así como TVCabo comezaron a comprobar que o seu sistema de codificación, chamado Nagra, era desprotexido pouco tempo despois. Entón foi cando os dous xigantes, xa cheos de loitar, uniron o seu capital.
Nestes días, a plataforma herdeira D+ segue a emitir o seu sinal por dous satélites, polo Astra, usado anteriormente por CSD, e polo Hispasat, usado por VD e sucede que o D+ (ex-CSD) continúa usando Seca2 e o seu sinal pode ser contrarrestado só dunha forma moi laboriosa, mentres que o D+ (ex-VD) víñase podendo decodificar sen necesidade de tanta dedicación. Agora isto está a mudar, o xigante está a triplicar esforzos para deseñar rutinas máis complexas e facer esa información practicamente desencriptable se non é a través da suscripción oficial.

Isto fai que moita xente procure outros xeitos que precisen de menos tempo e estudio, algo que ten moitas vantaxes, pois por medio do pirateo e debido á súa adicción ao fútbol acabarán aprendendo romanés e ata astronomía, descubrindo unha paixón oculta no de orientar a antena parabólica cara o ceu na procura dese satélite tan lonxano que fluctúa sobre nós a máis de 35.000 km de altura, que se chama Sirius e que ten unha canal de deportes que fala unha lingua que non é tan diferente da nosa e bota o partido do domingo do Plus. Hai xente que por unha bola vólvese tola, ¿ou non? Teño curiosidade pois din que en Albacete pódese ver cunha antena de 1,20 m. de diámetro

Mentres todos eses satélites voaban por riba nosa, a voda converteuse nun espectáculo de risa, luz e de color, e non o imos esquecer. Desexo moita sorte aos que casaron.
2/10/2004 01:51:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Marroquís protestando contra os españois

Para quen goste de experimentar e non sabía onde atopar unha lista daquelas sustancias máis tóxicas que existen na natureza, eis o temos gracias ao Ministerio de Sanidade español que ven de publicar un listado das que algún ben pagado consideraría máis tóxicas para prohibir a súa venta.

Lendo vexo sustancias que fan bastante menos dano en cantidades reducidas que o alcohol, ¿será o próximo paso prohibir o alcohol?, e entre elas chama a miña atención o "Perejil salvaje", pouco despois procuro no Google e leo isto. ¿Será que era este o verdadeiro motivo da ocupación da Illa Perejil?
2/07/2004 12:45:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Qué envexa!

Se o soubesen antes seguro que non casaban o 7 de febreiro, que casarían, a pesares de semellarlle tan cursi, o 14 de febreiro. É o prezo a pagar por ser "tan moderno".
Xa tiña un plan para hoxe venres.

Xa ten 180.000 kms. e aínda ten unha relación economía/prestacións óptima, aínda así non é un BMW pero habíamos de ir no noso carro pagando a peaxe da A3 para chegar cedo ao Porto e poder ir ata a Foz (baixando pola Fundação Gulbenkian desde a rutonda de Boavista) e ir ata o Cafeína e no caso de non ter lugar previa reserva, ir ao Oriental.
Xa co papo cheo de modernidades, outra vez de carro, pois ás dez da noite temos unha cita en Gaia no Hard Club, que está xunto ao río nun lugar hai tempo de difícil estacionamento, e alí...

''Happy songs for Happy People", unha boa frase e todo un espectáculo aí ao lado. Os artistas están un pouco lonxe de Glasgow e eu non fago idea de se aínda hai bilhetes.

Puto San Valentín e os prexuízos.
2/06/2004 02:20:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




O que presentou o panfleto

Men in Black strike back

El matrimonio no es una invención humana o un pacto privado, al arbitrio de las partes, sino un “gran misterio”, un proyecto maravilloso de Dios, que comunica su amor eterno al hombre, creado varón y mujer a su imagen y semejanza.

Isto dis que é a síntese do que dixeron os Men in Black no seu Panfleto Familiar

Seica os avogados e xuices non deberían involucrarse en procesos de divorcio porque sería unha "cooperación material con el mal" e que a violencia doméstica é o "fruto amargo" da revolución sexual, rexeitando as parellas non casadas e ós gays, e ollo ó piollo, o de foder con condón, esquecei-o.

Os fiscais deberían entón actuar contra os Men in Black por apoloxía da intolerancia... por seren responsables da educación relixiosa e de formación de moitos, cousa que fan manexando parte dos tributos que pagamos á Facenda Pública.
Deberían de preocupárense de limpar a súa casa de pederastas que eses sí que son unha enfermidade da sociedade, que para o demáis xa están o poder executivo, o lexislativo e o xudicial.
Non sei se pensar se estes é certo que viñeron de Marte ou ben moita hipocrisía queda por limpar neste planeta.

2/04/2004 01:00:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Conta que "Moi variados autores árabes coma Ibn al-Qutiya, Ibn al-Atir, Al-Maqqari chamaron Galicia a todo o noroeste peninsular, abranguendo "en Galicia as cidades de León e Astorga, a mesma terra de Asturias e ata a serra de Covadonga"

Tamén di que é "sabido que no século IX no reino asturiano se chamou Spania á España musulmana" e tamén que "en Córdoba chamaban Galicia ó soar do reino astur"

Quizais ó Sánchez Albornoz dáballe medo dicir ou non quería decatarse de que o berce das actuais nacións plenamente soberanas peninsulares estaba en Galicia... a audiencia non estaba preparada, agora tampouco o estaría.

Visto en Estudios sobre Galicia en la temprana Edad Media, (1981), Fundación Barrié de La Maza.
2/03/2004 01:42:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Santiago xa non é o que era, vellas caras que nos atoparon lembraron o noso pasado fronte a este presente, e nós, correndo por un futuro que festexaba con risotadas, patadas, berros, caídas e estimulante neurolóxico aquel vivir.

Faltou sexo e policía, pero non os botamos en falta. Antes de que comezara a festa dixo:
“Se me pasar algo, levádeme á Rosaleda, este é o cartón de Adeslas.”

O que non sabía era que agora é isto e coma sempre o atenderan alí a el e máis ó resto....
Despois chorou un pouquiño con aquilo da emoción e Falabarato aproveitou para romperlle os lentes e así ata voltar a rastras.

E hoxe, rimos coma sempre rimos dos ridículos alleos ó tentar reconstruír a noite... ¿Qué che fará no 2015?
2/01/2004 11:56:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente