<$BlogRSDUrl$>

    

             Esta páxina faise co Blogger. E a túa?

             Weblog comentado coa axuda de HaloScan.com

                   

Catu?
What will be, will be? Qué será, será?
Links
Abre noutra
           subscribe to this feed




          Creative Commons License
Esta lideira faise contando con   recoñecemento, de uso non comercial e para compartirmos igual segundo a licenza de Creative Commons


Fin de semana de sorpresas e con intensidade ata hai un bocadiño; en Guimarães, na Praça de Santiago, que é un exemplo do que era a nosa Terra antes da independencia do condado portucalense do reino de Galiza, pódese tomar o café na terraza ao sol por 0,70€ nun lugar que amosa o desenrolo do povo pangalaico hai apenas uns séculos.

Están ben elixidos os lugares para colocar os carteis da campaña contra a SIDA. Vou mexar e atopo un texto diante do nariz que di, "Agarra-a ben", máis abaixo aclara que fala da vida e non da piroliña, piroliña que voltamos ver hoxe no xine.

El segue a mexerse na barriga da súa nai e mentres agarda para sair fai contorsionismos alí dentro poñendo os pes diante da cara e dando voltas, parece divertido, aínda que non para a nai que ás veces clávalle os pes nas costelas.
Todo normal e iso é perfecto, pero preguntamos se podíamos dar o cordón umbilical para axudar con algo que non precisamos aos que loitan contra a leucemia e a resposta foi algo así como que iso aquí aínda non chegara, ¿estaremos tan lonxe do futuro? penso eu.
A resposta á segunda pregunta foi: "Isto non é América" así que entendín que na preparación para o parto seica as nenas van falar de "fajas, canastillas y esas cosas" Ben, sei que estamos separados por un océano de América pero ten que haber outro motivo diferente para que o horario das sesións de pre-parto sexa ás 12:30 ou ás 17:30. Seica só poden prepararse para o parto as mulleres da súa casa ou as funcionarias.

E ao sair dígolle a ela, ¡que todo o malo sexa iso!

O sábado á noite rimos coma tolos, a algún coa excusa do cambio de hora fíxoselle o día de volta a casa. Houbo pouca xente ata que non chegaron os que foran aos Jayhawks, como parece que foi algún máis. Agradecido lle estou ao señor por amosarme con fotografías o que outros tentaron contarme ata que se decataron que eu estaba noutro planeta. Alí tería estado se o noso futuro meniño non dixera que os concertos dos Remains e dos Jayhawks eran moi tarde para el.

P.S. Pois se cadra el andaba por alí canda nós.

3/30/2004 01:23:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






As plataformas de televisión dixitais satelitales están a mexerse.

Digital+ , a plataforma española, emite a súa programación a través de dous satélites, o Astra, que está nunha órbita xeoestacionaria a 35.000 km. de altura na posición orbital 19 E e o Hispasat, que está nos 30 W. Polo Astra o sinal é codificado usando o sistema Mediaguard (tamén coñecido como Seca) na súa segunda versión (Seca 2) e polo Hispasat usan o sistema Nagravision (Nagra) dixital.

Os clientes (é unha televisión de pago) que recibían o sinal a través do Astra tiveron que cambiar o seu cartón de suscritor debido á loita que tiña contra a piratería que a que entón se chamaba Canal Satélite Digital (CSD). Pasaron de usar Seca a usar un sistema máis seguro chamado Seca 2 (ou Mediaguard 2).
Estes días os que antes estaban suscritos a Vía Digital VD (que reciben o sinal a través do Hispasat) están a recibir novos cartóns. Hai movementos, deciden usar o novo sistema Nagra 2 (tamén chamado Aladdin) xa implantado por terras alemanas co fin de rematar coa piratería.

Mentres CSD utilizou Seca, a información sobre o crack do sistema era pública, de tal xeito que era relativamente sinxelo poder ver CSD sen pagar un peso. Co cambio de cartóns chegou a escuridade.
Agora mesmo Digital+ (ex-VD) non é un asunto nada complexo para ver gratis pero cos novos cartóns tamén marchará a luz.
Pero mira ti por onde, que nestes momentos, comeza a saír á luz algunha información sobre Seca2, facendo accesible ver as paisaxes a través do Astra sen pasar por caixa aos que as últimas clases de Matemáticas que lembran, foron as dos límites.

E penso eu, ¿quén será o que máis se beneficia económicamente? Uns aumentan o número de clientes interesados en suscribir o pacote básico e ver o resto de balde, outros activan a economía sumerxida vendendo cartóns piratas "que abren todas las taquillas", outros venden aparellos electrónicos que facilitan a visión gratuita e os outros programan e utilizan a enxeñería inversa para ampliar os seus coñecementos.

Eu estou a agardar qué pasará no futuro pero hai tempo xa lle botei o ollo a unha máquina que fai mil diabluras, como o sancristán de Coimbra. Darei detalles.

O peor de todo é que coñecer tódalas novas deste eido satisfaime e non ten nada que ver coa miña actividade profesional nin económica. Xa sei que non son un snob, pero, ¿serei un friqui? Tódolos testes tipo Todonada dinme que non... pero dame o corpo que todos somos un pouco friquis.
3/27/2004 02:00:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






É sabido que tamén moitas mulleres viaxan ata o Caribe só co fin de pasar unha semana de pasión. Isto é o que se chama turismo sexual, só que neste caso o obxeto de explotación son os homes en vez das mulleres ou dos nenos.

A publicación dun estudio sobre a calidade do semen destaca que na Coruña os homes producen un semen de primeira calidade. Así, nos resultados da convocatoria, que se fixo en Barcelona e A Coruña con homes sen problemas de infertilidade, destácase que por cada mililitro de semen os coruñeses teñen 91.700.000 espermatozoides mentres os barceloneses chegan a 59.300.000 espermatozoides.

¿Provocará este estudio o inicio dun turismo prenatal á Coruña para visitar algún centro de inseminación artificial ou coñecer a nosa forma de vida? ¿Provocará isto algunha gracia comparativa opusino-machista de Sir Paco Vázquez?

Como ben dixo Martina no telexornal do mediodía con eses ruliños que leva sempre tan ben postos,
Cantas máis exaculacións, mellor semen.

Así que, a practicar, que todo son beneficios e non como co tabaco.
3/24/2004 01:05:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Moitos aparellos novos estes días e moito que aprender para poñelo todo ao meu gusto, máis cousas inútiles no que destruir neuronas, aínda así é un momento de paixón.

Lembro que na carrinha nova a nai dixo que sente que ao neno non lle gustan os aceleróns nin os frenazos, eu emociónome porque sei que lle gusta sentir a velocidade. A miña nai di que eu era feliz cando ía en coche.

E incomódame que a empresa que fabrica a PDA que eu utilizo me responda que non sabe cando terá drivers para usar Bluetooth co GPRS dos finlandeses. Mentres tanto actualizo esta maravilla.

Non me pode comer tanto tempo...
3/21/2004 11:32:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente






Mentres ando a perder o tempo tratando de emparellar via bluetooth os meus aparelliños electrónicos, onte percorro o mapa do sur ao norte saíndo da "Lonxa de Altura" do Porto de Vigo, e chegando pola noite, como quen fose a outro país, vou á "Lonja del Puerto de La Coruña"
3/18/2004 04:22:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente






Foi unha mágoa, porque se tivesen catro ou cinco días máis, estes amañábano todo.

Ainda que a maioría de comentadores de dereita (sobre todo os dos EUA) "ladra por las esquinas" que o resultado das eleccións en España foi unha victoria do terrorismo, eu, que participei co meu voto, considero que foi a derrota das mentiras.

Lembrarei que ZP propuxo a creación dun consello de expertos para a reforma dos medios públicos. Nunca está de máis gardar este programa electoral.

Para o 2008, teremos que votar.
3/17/2004 12:41:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Pois non, non creo que haxa ninguén contento, e nós, que xa demos un paseo, despois fomos votar, e aínda que todo indica que algo vai cambiar na forma de gobernar España, hai algo que non me gusta, é unha sensación estraña.

Penso en todos eses humanos que perderon algo máis que as súas vidas ou a dalgún amigo, pero tamén penso na crueldade na manipulación da información.

A Información estase a converter en chave para esta novela ou ensaio que o analista de turno xa ha de estar a escribir, e ainda que precisamos de máis información, xa temos bastantes datos para evaluar a situación, así que sabía moitas cousas no momento de exercer o meu dereito a votar á candidatura dos que van compoñer o Parlamento de España (xoguei a tripla opción no Senado, escollín aos de tres diferentes partidos;-))

Sabía que mentres todas as televisións españolas estaban a dar a rolda de prensa do noso amigo Acebes recoñecendo que uns fanáticos asasinos ligados con Al-Qaeda parecían ser culpables da matanza, a TVE estaba con "Asesinato en febrero",

Sabía que cando o Aznar dicía que “los han matado por ser españoles", estaba a xogar con algunha outra hipótese, como xa dicían no Corriere na mesma mañá do atentado,

Sabía que cando Marianito & Co. culpaban aos da Cultura contra la Guerra das manifestacións fronte ás, eles xa chamaran a Carod-Rovira asasino,

Tamén sei que sen todos estes fanatismos seriamos máis de douscentos os que teriamos podido votar hoxe, sei que Aznar e o seu Goberno non os matou, pero a guerra non xustifica o terrorismo, por iso, os que xustificaron a guerra no nome do terrorismo teñen moito que cavilar, e os demais deberíamos cavilar que agora estamos ameazados por outro grupo asasino máis.

Polo noso futuro e por todos os que caeron polo camiño por mor da ignorancia duns poucos, agardo que os elixidos fagan que entre todos saiamos desta negrura sen confrontacións.

Nos EUA hai unha porcentaxe moi alta da poboación que acredita que o responsable do atentado das Torres Xemeas foi Saddam Hussein e por aquí quedará algún que diga que no Irak hai armas de destrucción masiva e que a masacre de Madrid foi culpa de ETA por moito que os datos amosen outra cousa. E ¿estaremos no certo?

P.S., un saúdo para Acebes, que nun momento de patetismo, deu unha lección de como autodestruir unha carreira política en apenas unhas horas.
3/14/2004 06:40:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente




Cando chegamos a casa, démonos unha longa aperta e choramos.
Despois televisión, moita televisión, e agora Internet, demasiada información.

Mais de un sentiu acougo ao pensar que podía non ser obra dos asasinos de ETA e os terrorismos son todos iguais, xa sexan de estado, fascistas, independentistas, relixiosos, sectarios,... pero parece que hai uns que nos unen e outros nos afastan.

Cando faltan dez días que chege a primavera e o noso neno segue a medrar no ventre da súa nai, pregarialle aos señores políticos que pensen en todas as burradas que dixeron xa onte, once de marzal. Coido que non os merecemos, e sigo a pensar que diferenciar as dores non axuda á democracia, ¿cambiarán uns o lema da manifestación de mañá? ¿e os outros botaranlle a culpa ao Goberno español?

Eu sei quen foron. Foron uns asasinos sen corazón, mala xente que non é humana. Leo os nomes e penso neles e nos mortos. Sinto que vou a chorar...
3/12/2004 01:47:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






A dor non axuda á democracia...
3/11/2004 10:06:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Esta mañá na Cadena Ser nunha entrevista feita por Iñaki Gabilondo, o candidato pontevedrés á presidencia do Goberno español á pregunta de ¿para que lingua aparte do español non precisa de intérprete?, vai e di,

-Francés.

Claro, eu tamén considero que é a lingua máis útil para moverse polo mundo do século XXI. A el viralle ben cando teña que asinar algún tratado coa República Centroafricana ou algún convenio con Vietnam.

Cando hoxe, calquera empresa con vocación internacional esixe o inglés aos seu empregados, este home dinos que fala francés, ¿e en Galicia ou en Portugal precisará tamén o intérprete ou será que non as considera linguas?
3/10/2004 04:17:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente






Sinto na miña gorxa unha chea de parafusos enferruxados e agardo que a droga elimine a dor.

A dor segue aí cando vexo a páxina desta zamorana que proxecta estradas e esquece aos doentes.
Xa todos sabemos que a zamorana e o pontevedrés teñen problemas coas linguas; son analfabetos funcionais, non entendo como é posible que xente que aspira aos cargos máis altos na administración estadual non fale galego tendo relacións dalgún tipo coa nosa terra. Se teñen problemas co galego, ¿qué che será co inglés, o francés ou o alemán? Daríame vergonza; que é o que sinto ao ver ao Aznar, ou ao Fraga facendo declaracións nunha lingua estranxeira para medios de fora.
Tamén me doe ver falar galego a Loyola de Palacio del Valle-Lersundi diante das cámaras da SIC, ¿porqué non o fará diante das da TVG?

Dóeme tamén que os da oposición non lle van moi atrás e sinto que estamos gobernados por unha banda de analfabetos incultos, e o peor é que todas estas dores que sinto apenas se poden eliminar cada catro anos.

Mágoa!
3/10/2004 12:34:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Haberá que agardar uns días e xa todo terá pasado, o das inauguracións, o das descualificacións, os insultos e as promesas. Porque na miña vida nunca fun a un mitin, e aínda me lembro a min mesmo preguntando aos meus pais porqué se facían, e porque só presto atención aos feitos, nunca entenderei este tipo de campañas.

Xa o dixo Otto von Bismark (que non entendía moi ben a democracia) hai máis dun século, "nunca se mente tanto como en véspera de eleccións, durante a guerra e despois da caza". Uns cóntannos que o farán mellor do que o teñen feito ata o de agora, outros ofrecen o paraíso do benestar, e os que restan din que converteran Galiza nun lugar idílico.

Eu, de sempre, valorei ás persoas polo que tiñan feito e pola forma en que tiñan desenvolvido o seu traballo ata o momento actual. ¿Porqué non nos falan do que fixeron durante o derradeiro exercicio lexislativo? ¿En que gastaron os nosos euros,eses que financian aos partidos? E tanto no goberno como na oposición, pois os proxectos de goberno podemos coñecelos polos seus programas.

Só nos queda aturalos unha semana máis e todo xa terá rematado, chegará a xornada que deber ser de reflexión e dubido que realmente moitos mediten o seu voto, porque ese é o problema que teñen unha grande parte de galegos. Nós non reflexionamos, só reaccionamos ante intereses persoais e iso determina gran parte do voto.

Non reclamaría unha reforma do sistema electoral, o único que é apenas preciso é un maior investimento no sistema educativo e nuns anos extirparíamos a rede clientelar que existe no noso país, pero como a ninguén lle interesa, teremos que agardar a que chegue un futuro en que os políticos deixen de manipular aos máis débiles, eses mesmos que gozan co show do Trillo.
3/06/2004 11:42:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente






Era un home rico que paseaba fachendoso co seu cochazo pero que daba traballo a moita xente. Dende hai pouco moitos deles viñan deses países de onde os homes emigran e ningún visita.

Arriscou e mentiu máis do que podía e deixou de pagar.

Un home común que tamén daba choio a moitos dubidaba, despois de ter dado en suspensión de pagos, se mercar a escopeta para matar aos mentireiros durante un trastorno mental transitorio ou usala para descansar.

Doe moito vivir nun mundo onde os ladróns que rouban sempre viven ben e os honrados agonían. Non quero ese mundo para o meu meniño.
3/06/2004 12:41:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Hai tempo era normal ver estas placas de matrícula en coches españois. No século XXI os saharauis xa non poden agardar a que os demáis decidan o seu futuro.
3/03/2004 11:29:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente




Rajoy invertido

Eis que leo que os de Zero sacan este mes ao Mariano na súa portada e fanse unha pregunta "¿Poderíase sacar do armario a un presidente do goberno?"

Por Pontevedra é algo que todo o mundo comentou algunha que outra vez e ata falan de se estivo con tal... A verdade é que me parece algo sen importancia (aínda que para os do PePe ha de ter) pero como ben di Mata-Mouros, un político profesional non é un cidadán común e facerlle "outing" a un político só tería sentido no caso de ter mentido.

E eu me pregunto como é posible que o grupo de presión gay sexa tan forte sendo que non hai tantos poderosos que se teñan declarado homosexuais ¿Será que moitos deses homófobos opusinos son homosexuais hipócritas?

A semana pasada recibo isto por correo,
Vota Mari Ano Raggay. Por una España rosa y gay!

Pareceume unha idea moi atrevida por parte do director da campaña electoral do PePe por tentar atraer aos votantes homosexuais pero clasifico ao remitente como spam.
3/03/2004 01:18:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Que unha persoa calquera diga isto é de parvos,
"El señor Carod-Rovira estará hoy muy satisfecho y habrá que felicitarle porque el atentado no se iba a producir en Cataluña, sino en Madrid y hubieran muerto madrileños, andaluces y a lo mejor también algún catalán, pero no se hubiese en Cataluña que es lo que lleva tanto tiempo diciendo, pregonando e incluso publicando"

Pero que o diga alguén é neste momento ministro do interior do goberno dun país supostamente civilizado faime pensar que é débil mental e que o único que pretende é crispar e facer máis difícil o compromiso común dos partidos políticos. E claro, supoño que non demitirá.

Se tivese aceptado a recomendación, mellor nos había ir...
3/02/2004 01:52:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente