<$BlogRSDUrl$>

    

             Esta páxina faise co Blogger. E a túa?

             Weblog comentado coa axuda de HaloScan.com

                   

Catu?
What will be, will be? Qué será, será?
Links
Abre noutra
           subscribe to this feed




          Creative Commons License
Esta lideira faise contando con   recoñecemento, de uso non comercial e para compartirmos igual segundo a licenza de Creative Commons



Acendo o portátil no salón para descargar unhas fotos, non me vou conectar así que nin sequera acendo o router e... descubro que teño conexión a Internet a través da conexión dalgún viciño. Investigo un pouco máis e vexo que hai dous puntos de acceso inarámicos totalmente abertos. Uso a súa conexión por un momento, comprobo que é máis rápida que a miña e que só a podo usar no salón.

O peor é o de sentirme culpable, non roubei nada, apenas é cuestión de ler unhas instruccións. Aínda así, á volta da nosa excursión habemos de comprobar se xa duplicaron a velocidade.

P.S. en barallete: eu tamén deixo a miña rede aberta, pero de cando en vez boto unha ollada ao log do servidor DHCP do meu AP á procura de intrusos.
9/30/2004 02:03:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente







O goberno español anda outra vez a voltas coas matrículas. Catro anos despois de impoñer o sistema actual, o ministro do interior pon o asunto a debate.

Seica os principais opositores á implantación do "distintivo autonómico" son as empresas do sector de coches de segunda man, que no ano 1999 gañaron a partida aos partidarios de manter o distintivo provincial, a pesares das intencións previas do goberno, daquela do PP, de manter os C, LU, OU e PO e engadir outra letra máis á placa. Pregúntome se farían o mesmo a favor dunha matrícula única europea, iso sí que había de reactivar a economía europea do sector.

Ao fin, a introducción de escudos nas matrículas (a modalidade máis barallada), a semellanza do sistema alemán, ou letras, á italiana, sería cáseque tan difícil de ver coma a publicidade do portamatrículas que soen poñer os cancesionarios e talleres, co que sempre se poderá saber se tal ou cal comprou o novo Citroën en Vigo ou en Santiago.

Outra dos argumentos contra os CAT, GZ (ou GAL?), EUS, ... é o vandalismo contra os coches fora dos lugares que indicarían as matrículas. Isto aínda daría máis argumentos aos hipotéticos defensores da matrícula única europea. Así e todo, cada día paréceme máis habitual ver como os propietarios usan distintivos no coche para indicar a orixe.

Pois será que a sociedade vai sempre por diante da política... así que até o 2040, data na que se agotaría o actual sistema, hai tempo.
9/29/2004 01:45:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






O día non foi dos mellores, e hai algún problema por resolver.

Estraño non me ter decatado antes, pero non pretendo traer a inocencia as miñas palabras. O mal está feito. Agora, o silencio da casa axuda a cavilar mentres escoito os ruídos dun verán que non quere marchar. Penso nos erros cometidos.

Mañá será un novo día e os meus amores estarán aí.

9/26/2004 12:53:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Aparte de dicir unha chea de parvadas na Universidade de Georgetown, o anterior presidente español amosou que para ser mestre en liderança global non fai falta saber distinguir entre o b e o v, algo moi útil para falar outras linguas que non sexan o castelhano.

O que si debe ser importante para ser líder global é non ter vergoña ningunha para manipular a historia e inventarse unha España no século VIII. Non debía saber que xa falaramos do tema por aquí.
9/23/2004 01:38:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Un compañeiro dos anos da EXB dicía que o que máis lle daría polo cu de saberse infértil, sería ter gastado tantos cartos en condóns, millóns de pesetas, dicía el. Fixo xa un ano que deixamos de utilizar medios contraceptivos e vai facer un ano que soubemos da boa nova. E chegou un día en que unha compañeira de festa dicía que estaba cansa de chingar, que non ía preñar. Cinco meses máis tarde, era un neno o que se estaba a desenrolar dentro dela.

Dacordo, todos somos diferentes, pero se non se utilizan medios contraceptivos a aventura de preñar non pode ser unha sorpresa, ou non coñecemos ben os riscos?
9/21/2004 01:19:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






O tempo vai pasando e o noso pequenechiño xa está no seu terceiro mes de vida e vaise facendo grande.

Na hora do cambio do pañal seica é cando está máis cómodo e calmo, pois ven de ir ao baño. Mentres está deitado, limpiño e espido, non ten que preocuparse en manter o equilibrio. É o mellor momento para xogar coa boca e cos sons que produce. Abre a boca, e bota a lingua, vólvea gardar e podo ver nos seus ollos que tenta dicir algo. Os seus sons son moi simples, os máis deles consisten en emitir, a volume cada ver maior, todos eses fonemas que que se poden vocalizar ao apoiar a lingua no fondo da boca e mover os beizos como lle peta.

Temos moitos eeeeeh-uuul, outros tantos a-iiiiiilll; fai a súa língua tremer e temos algo parecido a un aaaaa-ruuuu. Ri, ri moito. Cando pasa un anaquiño fitando para un de nós mantendo a excitación, comeza a darlle aos pés e ás mans. Axiña non pode aturar máis e berra, bota un oubeo que parece de felicidade, da felicidade do humano que se separa do resto das especies e comeza a construir unha linguaxe.

Repite e repite os sons, nós falamos con el. Gústalle que lle falemos e temos conversacións estrañas. E anque a mensaxe é inintelixible para os interlocutores, a comunicación existe.
9/19/2004 12:52:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Conduzo un 318aut da marca bávara, o Mercedes aínda non o tiñan. Atopar a postura ao volante non me custa nada, hai outras tantas regulacións tamén para o asento. O que non me convenceu foi o do cambio automático, pero hei dicir que polas longas autoestradas faise moi cómodo, aínda que non sei se é polas mellores condicións e deseño de estas.

Ao saír á estrada e cando a paisaxe se transforma en Galiza, as costas arriba e as curvas atragántanselle aos automatismos do cambio. Naquela costa abaixo poño a palanca en posición manual, intentando que o motor reteña o coche. Vexo á dereita, ao fondo, montes verdes desgastados pola chuva e aquí, á beira da estrada e rodeado de campos de millo, unha casa con...

...aquilo era agropop-art, e alí, que non saben nin que existimos. Agora, en casa, consulto as características do movemento e descubro que os alemáns non deben saber sequera que teñen Agropop-Kunst.
9/17/2004 01:21:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente







Agora entendo todo o rebumbio. Ás oito da mañá, entre café, manteiga e marmelo, aqueles personaxes daban a nota de cor. Díxonos unha das camareiras que eran os do Popstars alemán (un programa de tv no que a audiencia decide que grupo de concursantes gaña unha "carreira" musical). O máis chamativo, na hora do Frühstück, era a versión local do amigo do Bisbal e, pola noite no bar, era a versión alemana de Nina a que nos amenizaba as Bieren. Á porta do hotel, grupos de nenas agardaban a caza do autógrafo e a fotografía dos famosillos máis fashion do mercado. Co que agora sei sobre eles, aínda me parecen máis artificiais. De pena.

A volta á realidade veu nunha conversación cunha amiga. Contóume detalles da vida da súa nai. Falabamos de nacionalidades e díxome que a súa nai nacera nos Sudetes, en Bohemia (que forma con Moravia a actual República Checa), baixo o que fora soberanía austríaca do Imperio Austro-Húngaro. Durante a Primeira Guerra Mundial, os seus pais, sendo ela unha meniña, levárona para Viena, pois se consideraban austríacos. Pouco máis tarde regresaron aos Sudetes integrados na República Checa. Cando a guerra en España, Hitler (tamén austríaco) anexionou a Alemaña os Sudetes, anexión que se convertería nun dos detonantes da Segunda Guerra Mundial, na que abandonarían os Sudetes para marchar a Alemaña. Ao final da Segunda Guerra Mundial, máis de doce millóns de alemáns son desprazados da súa terra para ter que instalarse dentro das fronteiras da actual República Federal. Debido á represión contra os alemáns despois da guerra, xa nunca voltou á súa terra.

Estes días, o presidente polaco tivo que saír a dicir que o asunto das reclamacións polaco-xermanas estaba pechado, que non aceptaría as reclamacións dun grupo de alemáns da Prusia Oriental a Polonia polas propiedades perdidas.

Nós, estabamos a falar da súa nai nunha cidade que perdeu cincuenta mil das súas oitenta mil vivendas durante os bombardeos aliados, na súa maioría dos ingleses. Os únicos edificios que quedaron en pé despois da Guerra foron os bunkers.

En todas as guerras, os que sufren o terror son sempre os mesmos. Non importa o bando. Sempre son historias tristes.

As da televisión, son mentiras tristes.
9/15/2004 01:25:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Xa estou ao carón do aeroporto. Nunhas horas un avión ha de me levar á terriña despois de voar por media Europa. E pouco tempo máis falta para ver a opedriño e á súa nai agardando por min no aeroporto.

A miña relación coas línguas é apasionada, cando comezo a utilizala, xa non podo soltala. Estou a escribir e, de cando en vez, pasan pola miña mente palabras noutras línguas que os meus dedos teñen que traducir ao apoiarse no teclado. O mellor foi o recuperar o meu alemán enferruxado, pois fóra do traballo, no máis profundo da Baixa Saxonia, ninguén fala inglés e entre os canais da Frisia Oriental podes sentirte afortunado se che falan en alemán en lugar de Plattdütsch.

Para un adicto á información están a ser uns días de aillamento total. A única posibilidade de contacto co mundo era a lectura da prensa local e a televisión alemana. As novas que chegaban do suroeste de Europa só falan da Vuelta; pero o que ocupa máis páxinas na prensa é o pau que levou o partido do Schröder nas eleccións de Saarland (Sarre) e a matanza de Beslan.

Podería falar de moitas cousas, falaría da comida alemana, das infraestructuras deste país, da miña visita a un bunker da Segunda Guerra Mundial, das historias que me contaron sobre ese tempo, do meu traballo con xente que viña de Francia, Alemaña, Croacia, Líbano, Arxelia, Dinamarca, Xapón, Tailandia e Israel, pero agora só podo falar dos meus pensamentos, que chegue mañá e sexan as sete da tarde, para poder ver o que medrou o noso pequerrechiño...

...e hei estar no certo, se digo que os vou comer a bicos.

Agora, máis que Tschüss, xa podo dicir Auf wiedersehen, Deutschland! e Hallo, Pedro!
9/11/2004 11:51:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente






Hoxe mamá voltou á súa clase de ioga despois de tres meses e opedro e mais eu temos a casa para nós sós. El xa está no seu berce e eu no cuarto do lado escoitando sons e clasificándoos segundo a súa procedencia. Polo de agora, ningún de opedro.

E mañá, qué che será? Non che me apetece nada marchar. Ao fin, aterrarei en HAJ e a estas horas estarei nun lugar perdido da Baixa Saxonia e preparádome para falar e oir falar de relief valves e de hoses...

...e co que está a medrar o pequerrecho, non o vou recoñecer. Pensarei moito neles, será ás noites cando máis cavile. Quero estar de volta XA.

Desta vez hei ir facer unha visita ao Automuseum. Sempre me propoño ir até aló e sempre xorde algo que bota o plan abaixo. Agora levo unha encomenda, teño que traer un certificado de orixe para unha xoíña destas.

E aínda que é toda unha experiencia conducir atrás dun reloxio dun vintage, seica o carro que vou conducir aló será o novo Mercedes clase A. Xa contarei como vai, vou dar un salto de no tempo cincuenta anos. Marcho para o futuro para ver o pasado.

E eu, con todo por preparar. Son un desastre.
9/02/2004 10:58:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente







Este é o mundo tal coma o ven desde os Estados Unidos. Un xaponés decidiuse a comezar con este proxecto cando, vivindo alí, un texano preguntoulle canto tempo botaba en ir en coche até o Xapón.

As ubicacións dos países foi feita en base aos comentarios e así, sae España en Sudamérica, Buenos Aires como capital do Brasil e Francia chegando mesmo até aquí. Como para explicarlles onde é que estamos no mapa.

Eu, ás veces, tampouco fago idea do mapa que teñen algúns na cabeza, coma estes que preguntan onde se colle o metro para Bueu ou poñen a Santiago nas Rias Baixas.
9/02/2004 01:01:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente