<$BlogRSDUrl$>

    

             Esta páxina faise co Blogger. E a túa?

             Weblog comentado coa axuda de HaloScan.com

                   

Catu?
What will be, will be? Qué será, será?
Links
Abre noutra
           subscribe to this feed




          Creative Commons License
Esta lideira faise contando con   recoñecemento, de uso non comercial e para compartirmos igual segundo a licenza de Creative Commons
Despesas
O sábado vimos o que estaban a preparar para os reis. Agardando, o abó do norte comentounos que el estaba alí cando montaran todo, que até a moqueta que lles puxeron tráenas en coches de Madrid.

Hoxe na prensa non din nada da moqueta, ninguén fala nin do que nos costou todo este dispendio, pero, polo menos, quero pensar que o traxe autonómico da neta do alcalde será de una casa de la curuña.





Ademais desta coas chapas do antigo réxime, na voz hai máis fotos simpáticas no interior, que suxiren outros tempos, tempos de ofrendas florais ao lider da nación, ao gran timonel, ao xeneral de todos os exércitos, tempos de títulos segundos nas constitucións e tempos de vasallaxes.

Con todo, vendo como opedro experimentaba na herba rimos dabondo para esquecer todas estas trapalladas e algunha máis que afecta á nosa vida cotiá. Nos blos descubro que hai xente que sabe de que falamos.
5/31/2005 01:39:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Plátano de Canarias
De seguro que ten algún nome e o certo é que opedro non rexeitou alimento ningún, pero as comidas novas non son facilmente aceptadas. Disque precisan coñecer o que se lles ofrece e recoñecelo como alimento, aínda que chega con ofrecerlles algo unha e outra vez para que acaben por aceptalo. Logo, xa andamos influindo os seus gustos personais, motivo polo que opedro debe gustar dos plátanos e do papel.





Estamos aprendendo moito, en menos dun ano cambiou de ser un bebé que precisaba para todo a nosa axuda a perseguirnos por toda a casa. E como o tempo pasa e eu esquecerei, relamo lembrando como se amarra ás miñas pernas e me bota as mans para que o leve ao colo.

Aproveitando que estou descansado, vou atender unha cita pendiente que tiña en Tokyo

P.S. A marca de plátanos non ten nada que ver coa realidade de moita xente nova da nosa terra que marcha na busca de cartos que nós non lles podemos ofrecer.
5/28/2005 01:50:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Orxía
Recibo correo, no de papel ven a declaración dos redementos para que non teña que facer nada máis que confirmar á axencia que estea ben cuberta. Coma sempre, aínda que devolvan os cartos cos que contribuín por adiantado, haberei de agardar ao derradeiro día para cumprir coa miña obriga fiscal. Este ano a axencia tivo dous detalles que me gustaron; lembraron que, o ano pasado, presentara a declaración en galego e que decidira que o 0,524% dos meus impostos ían para outros fins de interés social e non para a Igrexa Católica.

Agachado atrás deste sobre viña unha postal pequeneira na que os de R contan que son o mellor que hai e por iso van mellorar a velocidade de conexión á internet. Eu son dos que teñen na casa a conexión en horario de noite (que é cando estamos en casa) e o certo é que non me convence a actualización. Pasamos de 300kbps a 1000kbps de baixada e a subida queda nos 100kbps que tiñamos.

Desaproveitando a oportunidade de manter o mesmo servizo a un prezo máis económico, penso que R ben podía mellorar a velocidade de subida, paréceme esaxerada a diferencia entre o que se pode baixar e o que podemos subir á rede. No meu caso, baixar unha foto do pequerrecho á miña computadora levaríame uns vinte segundos e para enviar a mesma foto aos amigos por correo electrónico botaría uns tres minutos en condicións óptimas. Ou aproveitar para converter o horario de conexión de noite ás vintecatro horas... nas outras opcións a mellora tamén se limita na práctica a elevar as velocidades de baixada, facendo que as relacións entre a subida e a baixada sexan tan asimétricas coma coas DSLs.





Entre bytes esquecidos recupero da lista de correo unha mensaxe na que ofrecen choio a xente entre 18 e 70 anos para traballar coma figurante nunha película. Para os setenta compoñentes da figuración principal ofrecen 600€ por sete días de ensaio e tres de rodaxe, e precisan unhas 750 persoas que non teñan problema en amosar o seu corpo espido e tocar e ser tocado por xente de ambos os sexos. Seica por iso chegou á lista nudista. Este nunca chegaría á miña caixa de correos.
5/25/2005 01:11:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Impresentables
Leo a novidade, así que comezo a baixar as curtametraxes e mais as pegatas. Boto unha ollada aos videos de baixa resolución na web mentres lle procuro alimento ao eMule. Apenas teño tempo para pouco máis pero dou no Libro de Notas cunha ligazón na que o Juan José Millás recupera historias falsificadas.
Si Fraga se quedara mudo y le diéramos un papel y un lápiz, como al pianista misterioso, escribiría un decreto en vez de dibujar un instrumento musical. Y es que al final, por más esfuerzos que uno haga, la biografía asoma por de debajo o por encima del currículum. La de Fraga es impresentable.

Disque o noso cerebro ten o poder de esquecer os momentos máis traumáticos das nosas vidas por mor de protexer a nosa saúde. O que me estraña é que ninguén en fragapresidente.com se decatase que segundo o curriculum, o seu candidato non fixese nada nos seus primeiros cincuenta anos de vida. Seica para que Galicia siga indo a máis hai que ter aos cidadáns hipnotizados.

5/23/2005 01:53:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Solpor
O día pasou pegando o cu a diferentes asentos. O peor, o do saca-moas. Confirmoume o mal e que debo tirala antes de que me apodreza o cranio. Disque agora as novas son de titanio, que son para sempre, para todas as vidas que puidese vivir.





Mentres poñen unhas baleas nunha televisión pública, abro o raposo coa intención de informarme a fondo da nova máquina dos palmeiros pero dou no Ponchorama cunha páxina na que diferentes voces nunhas cen línguas diferentes len unha pasaxe do Principiño. O de menos é o texto, non vexo letras, apenas sons, o charuto enrédame coas melodías dos acentos e coa riqueza das fonéticas e das entonacións. E as nosas, son preciosas.

5/20/2005 12:12:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Só letras
Despois de facer onte once meses de vida, desde aquí, no días das nosas letras, o futuro parece venturoso. Estivo percorrendo toda a casa a metade ás gatiñas e a outra metade de pé, aínda que fose aos tombos e sen paraxe, nada lle dá medo.





Os alicerces parecen fortes e o sangue novo anda contento coma un cuco. Sorrío pensando no futuro que lles podería deixar a nosa sociedade, gustariame que o do meu fillo na súa terra se escriba na súa lingua, coma hoxe no quiosco.
5/18/2005 01:07:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Galegos xenéticos
Despois de recuperaren o video de opedro, no fin de semana, tamén consumimos goma pola autoestrada e alí escoitamos ao Lopezveiga contando que vai crear emprego nas pescas de baixura. Sentado atrás do volante o primeiro que lembro son conversacións parecidas en diferentes espazos e tempos esta semana pasada.

Mariñeiros peruanos na baixura de Camariñas, e mariñeiros ghaneses na de Muxía.





Cóntanme que os máis dos postos que ocupan son de xente nova que marchou empadronarse a Canarias. Logo lembro o que lera dos galegos xenéticos. De seguir así, dentro duns anos serán máis ca nós, logo cando o da carapuchiña laranxa sexa un home, o censo de galegos ausentes (fóra do Reino dos Borbóns) será maior que os dos residentes e nós, os que vivimos aquí, a quen botaremos? A un que xa está fóra?

5/16/2005 02:40:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Diario dun seminarista
Os da Follaparroquial fixeron hai uns días unha reportaxe sobre o mundo dos blos centrándose nos que se escriben desde Pobo Grande. En Abundando, que tamén se escribe desde Pontevedra, amósannos o arquivo da reportaxe (pdf1 e pdf2), onde ademais de falaren dos blos, entrevistan aos autores pontevedreses de Atun tun tun... e Caldeirada de Marisco 3.5

Os dous escriben en español e, o certo, é que non teño coñecemento de ningún outro da vila que se escriba en galego. Se o Lores se animase e tomase exemplo do Quin, o seu compañeiro de partido, o post da semana sería o da súa visión da discusión coa conselleira de Familia mais as forzas vivas da vila a semana pasada nunha rolda de prensa.

É probable que haxa na vila algún blo escrito en galego aínda que Pablo, o autor de Abundando escribe noutros en español e inglés e Manuls, o de Atún tun tun é tamén autor de Diario de un granate, onde conta historias do equipo de fútbol que patrocina a industria local.



Centoloman, o da Caldeirade de Marisco, tal como viña comentando no seu blo os cambios que ocorrían na dura vida dun centolo en terra, é noticia pois seica deixou a súa carreira e á súa moza para, o ano que ven, marchar ao seminario. Tal como pon no seu post, eu non o comprendo.
El año que viene entraré en el seminario.

Esa es la razón de todo esto. Sé que muchos no lo comprenderéis. Supongo que no es algo tan común que un joven en estos días se atreva a dar ese paso por muy religioso que sea pero es lo que siento que Él quiere que haga. Es lo que YO quiero hacer?

Desde aquí doulle ánimos para que haxa un Diario dun seminarista en galego.
5/13/2005 12:29:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Area
Acordou nun lugar descoñecido. A súa pequena memoria impídelle saber que xa estivera no mesmo lugar oito meses antes e iso de espertar debaixo dunha sombrilla, rodeado de area e auga e cunha luz que fai difícil abrir os ollos para enfocar é moita novidade xunta.

Os problemas comezaron cando se sentou e descubriu que o chan se movía, estaba sentado nunha toalla e intentou avanzar cara o pau da sombrilla con intención de erguerse, parou e mirou para todos os lados como preguntando que era aquilo. Recuperado da primeira experiencia, botou a gatear e cando saíu da toalla deu coa area nas súas mans; de novo parou e mirou as mans extrañado mentres as refregaba para botar fóra as areas que se lle pegaban. Logo, só se dedicou a observar todo o que pasaba ao seu redor sen apenas moverse (cousa ben estraña) xogando cun caldeiro e cunha pá enriba da toalla.

Cando xa viramos que se adaptara á situación, levámolo no colo cara á beira. A area mollada é outra cousa, o piso é case firme e puido gatear, camiñar, deitarse e meterse no mar, que, se por el fose, sería quen de ir camiñando ata as Cíes, xa que nin a temperatura da auga nin a forza das ondas o botaban para atrás. Cantas máis ondas, máis festa e máis sorrisos.



Estivemos a dar paseos pola beira para refrescarmos saudando aos coñecidos e opedro parando con todos cantos cans atopabamos. Cando chegou a hora da merenda voltamos para a nosa sombra e fomos camiñando con el da man pola area que deixara a maré ao baixar, ao chegar á area que non mollara o mar, opedro deu volta e fíxonos ver que el por alí non ía, que se lle afundían os pés, así que, colo e a merendar. Despois de devorar a merenda fixemos castelos de area co caldeiro e foi a súa curiosidade a que, ao fin, o levou a explorar por fóra das toallas. Cando marchamos, xa aplastara seis castelos e ía perdidiño de area. Xa aprendera o que era, non se pode comer, escapa entre os dedos das mans e esvara debaixo dos pés.

Voltamos cansos coma nunca para casa. Nunca levaramos tanta trangallada á praia. Nunca levaramos tanta area a casa.
5/11/2005 09:49:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




DSCN3050.MOV
Descargo á computadora a tarxeta de memoria e aí está. Hai catro días estabamos sentados nunha cafetería tomando unha cervexa cando opedriño amarrouse a unha cadeira, púxose de pé e botou a andar, sen apenas tempo para coller a cámara e rexistrar a súa caída, só deu para unha ligazón que hai máis abaixo. Nunca botara a andar fóra da casa, onde as distancias son máis longas e descoñecidas. Todo é estimulante para quen coñeceu a verticalidade hai tan pouco tempo e, ainda que os seus pasos son vacilantes, cada día que pasa vainos definindo un pouco máis.





Son apenas uns segundos que pesan case nove megas para non molestarme nin en editalo, para o ver hai que ter instalado o reproductor da mazá e aproveitei o servizo gratuito de Ourmedia para subilo á rede e como non traballou como debía, só se pode descagar desde o Internet Archive, premendo aquí e gardando o destino da ligazón no disco duro. Xa o esquecía; para as do clube de fans de opedro (que pediran un video hai moito tempo), as risas son de mamá e o que levaba na man esquerda era un caramelo non o soltou nin para cair, cousa que hoxe xa fai con máis control e estilo. O da praia deste fin de semana foi canso de máis, mellor, vou durmir...
5/08/2005 11:08:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente




Listas de espera
No mes de marzo foi que presentamos a solicitude de ingreso nunha das garderías públicas galegas, as que pagamos todos. Como hai ben poucas, só son vintedúas, e as prazas disponibles son tamén escasas o Goberno galego propón un baremo de admisión no que, segundo as diferentes circunstancias vitais da familia, otorga unha serie de puntos que dan dereito a unha praza. A maior número, maiores as posibilidades de acceder.

Non somos familia numerosa, ningún dos pais temos minusvalía ningunha, nin estamos no paro e estamos moi ben así. Opedro non ten moitos puntos nin tampouco poucos e case que mellor, pois o máis valorado sería que nós estivesemos sen traballo ou vivindo fóra.

Co que non contabamos era cun dos avances en materia de fertilidade que se deu estes anos, a reproducción asistida. Eu sempre pensei que a natureza é moi sabia pero tamén comprendo que para moita xente, o soño de ter un fillo é forte de máis como para non tentalo con todos os medios posibles, cousa que significa o teren que pasar incluso anos de terapia para poderen preñar e, en caso de éxito, unha maior probabilidade de parir xemeos que nunha concepción "espontánea".





Na familia da miña nai hai xemeos e sei do desgaste físico e económico que produce. Estes foron os efectos colaterais que produciron toda a vida, pero esta posibilidade, que truxo a investigación, de escapar da esterilidade ven con outros e provocou que opedriño non fose admitido na gardería e terá que agardar nunha lista de espera, a primeira lista de espera da súa vida. E é que saíron admitidos na súa gardería cinco pares de xemeos e isto, até non hai moito, non era normal.
5/05/2005 01:12:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Botox ou Photoshop...?
Ía botarlle un ollo a CSI Celavella á vez que consulto o correo electrónico; era apenas abrir cinco ou seis páxinas e apagar a computadora e onde vai que acabou o da tele e aínda ando aquí, pero é que din con isto,





E creo que non é obra do botox..., e agora si que apago, vou ver que conta almu na tele.
5/02/2005 11:51:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente




O Rei de Vila Real
Despois dunha semana quilométrica, o fin da semana non puido ser menos.

Levar á familia detrás dun volante de aro fino e de circunferencia enorme, sen aire acondicionado e motor pouco silencioso a un destino descoñecido lonxe das autoestradas foi relaxante.

Levalos por autoestrada, rodeados de comodidades e amarrado a un pequeno volante de aro gordo que transmite con delicadeza calquera irregularidade dun piso do que coñecemos todas as súas liñas discontínuas, foi esgotador.



Despois de ter gastado máis de seis euros, deixo os xornais sen ler, cavilando en que o cómodo fíxose canso e a tensión ao volante fíxose relaxante, marcho para a cama pensando que sería disto. Mentres que xa hai tempo que falaban en Santa Comba, o actual Circuito Galego de Velocidade segue a estar en Braga e chámase Vasco Sameiro en honor a un piloto dos Alfa de antes da segunda Guerra Mundial coñecido coma O Rei de Vila Real.
5/02/2005 01:30:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente