<$BlogRSDUrl$>

    

             Esta páxina faise co Blogger. E a túa?

             Weblog comentado coa axuda de HaloScan.com

                   

Catu?
What will be, will be? Qué será, será?
Links
Abre noutra
           subscribe to this feed




          Creative Commons License
Esta lideira faise contando con   recoñecemento, de uso non comercial e para compartirmos igual segundo a licenza de Creative Commons
Vértixe
Estou probando o servizo que dan en 23, non é unha marabilla se o comparamos co flickr, pero ten algo, ademáis da súa lixeireza, facilidade de uso e gran comodidade para subir e gardar unhas cantas fotos para ter na rede, tamén importantísimo, de balde. Comecei a subir unhas cantas que fun topando e, que no meu disco duro, non ocuparían máis que megas e megas.

Tamén estaría agochando algo se non contase que non podes licenciar as fotos anque andan a traballar niso, pero é moito máis rápido. E teño que confesar que no século pasado eu utilizaba Altavista, non Yahoo.

Disque só dan 15Mb de subida mensual, pero, como están en fase de probas do sistema, nada máis asinar pasou a 1024MB. Logo, a miña conta foi subindo a capacidade de subida e foi medrando ata facerse ilimitada. Agora vai ser que leve para aí toda canta trapallada atope.





Hoxe tivemos un día libre e aproveitamos para esquecer o de onte, cando o bulebule de opedriño, entre tantas, foi un pouco rabudo e rabuñou a unha nena. Logo da autoestrada onde os coches oficiais seguen circulando con exceso de velocidade, paramos a visitar á súa yaya, que fala en curuñés con sotaque mañico.





Xa había tempo que tiña pensado levar a cámara e botar unhas fotos. As primeiras veces o que máis me estrañaba era o tempo que lle levaba ao elevador chegar aló. Hoxe confirmáronme que alguén que coñecía caera na desesperanza. A min esas vértixes danme medo.
9/30/2005 02:06:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Experiencia relixiosa
De sempre fun un lector compulsivo de revistas dos temas que me foron interesando ao longo da miña vida. Na casa dos meus pais aínda conservo, a pesares das ameazas da miña nai e polo que puiden comprobar, unha valiosa colección. Unha das que leva chegando todos os comezos de mes, e que só compro agora por inercia, é a PCActual. Quizais é ese un dos motivos polo que o blo que fan na rede forma parte do meu bloglines.

Hoxe, lin con sorpresa unha experiencia dun dos colaboradores neste blo colectivo, no que relata como despois de reservar e adiantar a metade do importe dunha viaxe a Roma, chámano da axencia para dicirlle que lle anulan a reserva, sen ofrecerlle ningunha outra alternativa, pois disque ese fin de semana os católicos van beatificar en Roma ao Karol Wojtyla.

Supoño que iso suporá para a axencia máis que triplicar os seus ingresos. A min tamén me parecería ben que queiran quitarlle os cartos a unha banda de aproveitados, pero non a conta doutros.





Así, é unha mágoa que os barateiros non voen ata o trinta de outubro, que se non fose por opedro, ata era quen de levar un destas (aviso, ligazón só para ateos e algún que outro agnóstico) intervencións divinas á festa para traelo bendito, aínda que, ao mellor nun momento de ofuscación, non sería mala idea ir reclamar á axencia de viaxes e encher a folla de reclamacións cun Martelo Neumático de Xesús nunha man e un bic na outra, ou a alguén se lle ocorre outra cousa que facer con estas ferramentas...?
9/27/2005 11:04:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente




Exhaust
Se a semana pasada estabamos na praia e opedro metía os seus pes na auga á beira do mar, hoxe non lle deu para máis que meter os pes e as mans na auga dos charcos. A el deulle o mesmo, pasouno de medo e por dúas veces houbo que cambiarlle a roupa; a primeira, nada máis sair de casa, rematando o día outra vez en casa pasando as fotos da cámara ao disco duro mentres opedro era testemuña de como un asturiano se convertía no novo campeón do mundo.

Vruuum, vruuum, foron as súas palabras.



Agora que todos están na cama, cavilo e cavilo e só acerto a premer teclas erradas, teño pensamentos que non teño e sentimentos que non sinto; apenas acerto a escribir que esta época non me está a gustar nadiña, sei que non é por mor do outono, pero nunca estaremos tan lonxe do verán e mais da praia.
9/26/2005 02:03:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Oitenta e dous
Onte fomos ao pediatra e confirmou o que xa presentiamos. Está a medrar san e forte coma un carballo. Atrás quedaron aqueles corenta e nove centímetros e medio de longura que marcou ao nacer. Quince meses despois, convertéronse en oitenta e dous centímetros de altura que non paran quietos, así que dixo que non nos preocuparamos por ser o seu peso un pouco inferior ao que din as táboas das medras.

Se ben no desenrolo da fala aínda non espabilou, é quen de utilizar o seu mellor sorriso para amosar aprobación ou de mover a cabeza dunha banda á outra dicindo que non e, aparte de rosmar unha chea de cousas inintelixibles, sendo o seu vocabulario reducido, está ben complementado con cantidade de onomatopeias e da súa fala xestual, sorprendéndonos onte, na consulta do pediatra, ao imitarnos e poñer un dedo diante do bico e facer un shhhhh!

Co que non nos imitou foi co de lanzar os seus zapatos e xoguetes pola fiestra; os zapatos recuperámolos, pero os coches serán o divertimento de calquera outro pequerrecho. Disque vai repetir ata cansarse as cousas coas que goza. Isto significa que goza correndo,
subindo e baixando escaleiras,
comendo el só coas suas mans,
andando cara atrás,
agochándose,
bebendo polo bico da botella,
baixando e subindo dos sofás e da cama,
golpeando o chan ou a mesa co que teña a man e faga máis ruído,
abrindo e pechando portas, caixóns billas, o reproductor de cds,
poñendo e metendo os seus xoguetes dentro e fóra das caixas,
encendendo e apagando a tele,
subindo e baixando do triciclo,
metendo o bico e mais o nariz debaixo da auga na bañeira,...



E nestas estamos, entre sorrisos e carreiras vendo como nos pasa o tempo voando diante dos ollos.
9/23/2005 12:02:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Cadaleito con rodas
Neste século os coches están a converterse en algo máis que en estructuras con rodas autopropulsadas, estamos a vivir un futuro que nos ha traer ao mercado carros que poden guiarse por si mesmos na estrada coa utilización de radares instalados no seu frontal, rodas que informan da súa presión, sistemas electrónicos de estabilidade que, en determinadas circunstancias, poden intervir sobre o sistema de freos, dos amortecedores e da dirección anulando a vontade do conductor pensando só na súa seguridade, sistemas que evitan a blocaxe dos freos, dispositivos que proxectan a información dos reloxios así como a do navegador GPS nos parabrisas ao xeito dos avións, sistemas de visión térmica nocturna,...





Nun tempo en que os prezos dos coches non fan máis que subir, as máis das veces debido a toda esta inversión en tecnoloxía, e mentres o responsable da seguridade vial criminaliza aos conductores, comparando aos que sobrepasan o límite de velocidade con asasinos, comezan a chegar ao mercado europeo coches da China. Así, a noticia desta semana é que está a chegar o JiangLing Landwind, que xa está a venta en Bélxica, nos Países Baixos e en Alemaña, un tractor de catrocentos oitenta centímetros de longo e cun prezo atraínte (uns 16.000 ouros). O motivo polo que xa hai unha chea de páxinas a falar del é porque nos crashtest obtivo o peor resultado na proba de choque frontal nos últimos vinte anos.

Apenas a 64km/h nun choque frontal podería causar a morte do conductor e mais do copiloto. Estean atentos, estas dúas toneladas de ferro con rodas estará proximamente nos nosos carreiros. E logo dirán que ía a unha velocidade excesiva.

Meu pai sempre me di que, moitas veces, o barato sae caro.
9/20/2005 11:54:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente




Morriña
Quería falar de sexo salvaxe, de empresas que cren nos seus traballadores e do futuro e das súas jangadas de pedra nas capas (se é que aínda existen, as revistas, digo).





Com pouco tempo para escribir e pouco máis para falar, hai unha manchea de cousas que van esmorecendo. A alegría que medra vai consumindo o resto.

Un bico á mellor mamá do mundo.

P.S. Sequera esquecía a musiquiña,
Bic laranja, Bic cristal,
Bic laranja, Bic cristal;
Bic laranja, escrita fina;
Bic cristal, escrita normal;
Bic, Bic, Bic, Bic, Bic.

que hai uns días sobrepasaron os cen mil millóns de kulis vendidos.
9/15/2005 10:31:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente




Pipotinho
Devezendo por botar unha soneca, unha chamada desde Noruega fai que volte á realidade. Se non coñecese o prefixo desde onde chama, sen ningunha dúbida, o seu acento descobriría a un escandinavo e, así, entre entoacións que soben e baixan, a mensaxe é que se podo aforrarlles os cartos das horas extraordinarias as nosas relacións viranse a reforzar.

Mentres cavilo a resposta para o noruegués, ligo para Cabo Verde contando falar en portugués, pero un sotaque italiano dime que lle resulta máis cómodo falar en castelhano.

Diante do monitor e sostendo o teléfono entre o ombreiro e a orella deixo de facerlle caso a Giuseppe e ao seu castelhano e vou lendo as novidades que cuspe o Bloglines. Cando me pregunta como é que se di árvore de manivelas en espanhol, cigüeñal é a derradeira palabra que lle digo en castelán.





E, coa decisión tomada para a resposta ao noruegués, remato a conversación e volto ao galego pensando en como é que lle chamarán os de Engadget ao pipotinho que preparou Uxío. Isto é tuning e o demais son gaitas, e iso que lle falta a billa.
9/13/2005 10:30:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Érache hora
Se ben, algunha vez, tiña comentado por acó e outros, mellor ca min, por aló, as opcións para suscribirse aos blos utilizando un lector de feeds e facer máis cómoda a lectura, sempre tiven pendente o de engadir un botón para facer máis cómoda a suscripción a este blo.

Ata o de agora a sindicación aínda é para moitos unha cousa estraña, así que desde o momento que moita xente non entende o que realmente significa o botón XML, a opción máis fácil é a de engadir unha chea de botóns nun recuncho desta páxina para facer máis cómoda ao lector a suscripción segundo fose o agregador que utilizase.







Hoxe atopo no del.icio.us un novo servizo, o SoloSub, que permite ás páxinas con feeds, e nun só botón, facilitar a suscripción calquera que sexa o agregador utilizado. Unha vez que se preme o icono do feed, salta a unha páxina onde hai que escoller o agregador utilizado e, aínda que polo de agora son poucos pero os máis utilizados, é o avance máis prometedor e acepta suxerencias.


subscribe to this feed


A ver se, á vez que poño o icono para as suscripcións poño un pouco de orde nas ligazóns da deireita. Estou a pensar en eliminar de aí aos do resto da península, pois aínda non chegou o outono e os galegos levamos, o que vai de ano, a saír coma cogumelos, e xa é moi difícil estar ao día do que se escribe no blogomillo, coma para estalo no de fóra.
9/08/2005 12:55:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




SimCity, un xogo de nenos
O desastre que destapou a natureza alén do océano fíxome lembrar outros tempos en que nos adicabamos a fozar entre as liñas do autoexec para poder instalar nas nosas máquinas unhas xoíñas que apenas pesaban máis dun mega. Xogando con aqueles marabillosos 384Kb de memoria extendida que existían antes da década dos noventa do século pasado foi como chegou a casa o SimCity, un xogo que marcou unha nova época.

O obxetivo do xogo era deseñar e construir unha cidade partindo de cero sen ningún obxetivo dado. Comezando cun presuposto reducido, como alcalde da cidade, o primeiro era decidir onde e que clase de central eléctrica montar, despois asignar zonas residenciais, comerciais e industriais, uníndoas por estrada e autoestradas conforme ía medrando e a partires de aí, a cidade ía collendo vida propia, reclamando os cidadáns estacións de policía, de bombeiros, portos, aeroportos, estadios,... e así, xogando cos impostos e o deseño da cidade conseguir atraer inmigrantes á cidade, que se establecían primeiro nas vivendas máis económicas (as máis próximas ás industrias e con menos custe de transporte para ir ao traballo) e a medida que se ía xerando riqueza marchaban para zonas menos contaminadas, cercanas aos centros de ocio e comerciais e ían xurdindo novas necesidades, como a construcción de hospitais, ou demandas, como a reducción dos impostos.

Co tempo o SimCity foi evolucionando ata chegar á versión actual, na que a cantidade de variables a controlar é enorme. O que sempre houbo en todas as versións de este xogo foi o de ter que facer fronte a desastres naturais ou a posibilidade de comezar un escenario determinado afectado por tornados, terremotos, levantamentos populares, inundacións, lumes, volcáns,...




Nunca pensara antes que un xogo podería ser tan real. Calquera que tivera xogado antes ao SimCity quizais o faría mellor.
9/06/2005 10:54:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Der erste Arbeitstag
Andamos a prepararnos para un viaxe no tempo. Mañá estaremos na Feira Franca da Boa Vila.

Se para nós non houbo problema ningún en atopar ropaxes acordes cos tempos, para opedriño case que se nos esgotan as horas para poñerlle roupa adecuada. Todo o que lle probamos facíanlle parecer unha pantasma e ao final houbo que botar man de costureira.





Mentres agardamos ao día de festa, dou no blo do Marianitu cunha entrada na que se pode baixar un documental coa típica estética empresarial oitenteira alemá, no que o Klaus, no seu primeiro día de traballo, dá unha lección do que non hai que facer coa carretilla elevadora para evitar os riscos laborais. Avisados estades de que son 90Mb aínda que coa nosa nova conexión, non me custou nada baixalo, foron apenas cinco minutos. Sobra dicir que nin falla que fai saber alemán e que o mellor ven ao final; paga a pena ter paciencia para descargalo. Case morro a rir. Esquecíame comentar de que non é para ollos sensibles.

Vémonos mañá no pasado.
9/02/2005 07:43:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente




Non hai queixa
No progreso no mundo tamén hai sangue e, onte, houbo sangue por partida dobre, nos beizos e nos dentes. Comeza a ir ao seu aire, así que experimenta con todo o que pode e máis. Agora, a base de levantar a perna ou os xeonllos é quen de conseguir subir ás cousas do seu tamaño (ao sofá, á cama,...) e tenta escalar cousas que son tan grandes coma el, así que, neste caso, o culpable do sangue foi un banco do parque.

Non sei se tamén foi parte da experimentación coa inercia e coa gravidade, pero estaba eu mexando cando opedro apareceu detrás miña e, sen deixarme pensar se botarlle a man a el ou a min, tirou ao water un paquete de salva-slips que levaba na súa man dereita (aínda non ten prevalencia por ningunha das mans) e logo botou a correr para agocharse na súa habitación.





Desta vez, como fai sempre que descubro o seu agocho, case escacha a queixada a rir. Como xa hai moitas cousas que entende, expliqueille que aquilo non se podía facer. Ao escoitar o NON, moveu a cabeza para os lados confirmando o non. Fun coller a cámara e agardábame con este sorriso coma do que agarda polo que fora procurar para xogar con el. Así dá gusto que pase o tempo.
9/01/2005 02:18:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente