<$BlogRSDUrl$>

    

             Esta páxina faise co Blogger. E a túa?

             Weblog comentado coa axuda de HaloScan.com

                   

Catu?
What will be, will be? Qué será, será?
Links
Abre noutra
           subscribe to this feed




          Creative Commons License
Esta lideira faise contando con   recoñecemento, de uso non comercial e para compartirmos igual segundo a licenza de Creative Commons
Fume de facho
Contaba con chegar a tempo para poder ver o comezo desde o sofá do salón, pero os quilómetros e mais a chuva pesaban nas nosas zocas. Levaba percorridos catrocentos corenta e tantos cando, pola radio, comezaban a escoitarse os hinos nacionais dos dous equipos. Era o quilómetro trinta e seis da AP9, quedaba moito para Santiago e por moito que lle pisase ao gas non ía chegar para escoitar, desde a autoestrada, o noso hino ruxindo no estadio. Deu igual, ía eu só no coche, pero da radio sairon os acordes creados por Pascual Veiga e miña gorxa sentiu algo que apretaba forte, era a emoción, a emoción de escoitar o noso hino nun campo de futbol, un deporte que non me movilizara desde o vinte de abril de 1994, día en que o celtiña perdía unha final da copa do rei e eu ía, por primeira vez na miña vida, ...á ópera.

Aínda ecoaban as letras dos pinos cando comezaron a chegar os goles, logo do primeiro gol pasaba á altura do San Lázaro e, desde a autoestrada, ollaba cun pouco de envexa cara á dereita, entre o fumo albiscábanse as luces do estadio e un lixeiro ruxe ruxe apagado polo son do motor, cheiraba a fume de facho, o campo fervía.



Quizais, nuns anos, opedro tamén me agardará para ver os partidos da selección, pero paciencia, que o que entra é o 2006.
12/30/2005 07:09:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente




April Fool's Day
Hoxe é o día dos Inocentes, no que segundo a tradición cristiá tal día coma hoxe, Herodes mandou matar a todos os nenos menores de dous anos nacidos en Belén por medo a que un deles, o neno Xesús, se convertise en rei dos xudeus e o botase do seu trono. É tamén día de gastar bromas (ou inocentadas) e aínda que eu son máis do primeiro de abril, día en que os burros van onde non deben ir, non puiden deixar de rir ao chegar á dos Aduaneiros e toparme con isto
Intervenido Guardia Civil

Porque isto será unha inocentada, nonsí?
12/28/2005 10:28:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Liebes Tagebuch
Hai uns anos, estes días eran días de vacacións e traían reunións familiares de tardes que se alongaban xogando cos curmáns e mais cos viciños mentres as panxoliñas soaban polos altofalantes do torreiro.

Este ano, estes días son días de moito choio, de reunións con clientes e con apenas tempo para ver á familia máis próxima só nas datas encarnadas no calendario.

E xa non hai panxoliñas, nas viaxes arriba e abaixo pola AP9, ecoan Sufjan Stevens, Antony & the Johnsons, os Flaming Lips, Andresiño co seu tren para opedro (laaa la la la laaa) e o cabrón do Nacho Vegas coas súas desgracias cantadas. O máis parecido a unha panxoliña é un CD recopilatorio no que teño que buscar ao Shane MacGowan cantando Fairytale of New York, que me fai lembrar a saudade de Sarah, unha rapaza irlandesa de perto de Galway, cantando con nós no coche dicíndonos, con bágoas nos ollos, que era a máis bonita canción de Nadal...



Aínda terei tempo para escoitala unhas cantas veces máis. Falta nada para que remate o ano e teño que facer paradas por Burela e mais Vila do Conde, así que teño que aproveitar o tempo que estou na casa, nunca se sabe...

Happy Christmas your arse
I pray God it's our last


hai que gozar dos nosos soños todo canto podamos, eu tamén teño saudade.
12/27/2005 07:26:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente




Vapor
Na escuridade da súa habitación, en lugar de durmir, oíaselle repetir en voz alta NE-NO, NE-NO, MAMAMÁ,... Parece que é agora cando o seu vocabulario comeza a expandirse e ten máis curiosidade polos sons e, anque o seu repertorio se reduce a unha ducia de palabras, ten onomatopeias pa dar e levar.

E procurando na rede por sons de animais, din co Bzzzpeek, unha páxina que garda rexistros de nenos de diferentes partes do mundo imitando sons de animais e mais de carros e, se ben, a risa disque é universal, seica os sons dos cans, dos camións de bombeiros ou dos porcos non o son. O resultado foi o descubrir que en Corea ou no Xapón parece que os animais soan coma doutro planeta. O que non din sabido foi a procedencia deses nenos españois que participaron no proxecto...



e admiten suxerencias e envíos de novos sons na busca de onomatopeias máis precisas. É unha mágoa que non teñan ningunha para pasar o ferro; fsssss, que é como lle di opedro.
12/22/2005 01:26:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Bailaches Carolina?
Os da mesa do lado amenizaban con cancións populares e mamá marchara con opedro para botar a soneca. Foi entón cando, quizais quentados polo licorka (case tan bo coma o orixinal), as conversas (nas que tamén se falou do mundo real) derivaron en falar dos blos, isto é, en metabloguear que seica es lo peor.

Falouse do importante, do número; da grande cantidade deles que se están a abrir no blogger, dos tantos ou máis que se abren no Spaces, que supoño que a meirande parte deles será de xente nova que salta aos blos desde o Messenger e mais do Hotmail; tamén se falou do anonimato, dos blos galegos escritos en español, dos blogueiros que non asistiron e da formación dunha conciencia colectiva de sermos blos en galego.

Nun momento en que o número de blos en galego chegou a ser incontrolable son só as ligazóns entre as páxinas e os seus contidos os que, de aquí en diante, poderán conformar a estructura dunha arañeira en galego. Como comentaba ascárida (you're so web 2.0, baby) a blogosfera podería considerarse unha evolución do protocolo NNTP (o das news de Usenet) na rede, tal e como se está conformando hoxe en día, no que os lectores e mais os creadores de blos poden establecer conversacións en base ás ligazóns e aos comentarios (o famoso feedback) chegando a establecer unha auténtica rede con conciencia de seu, que se dá bombo ao referenciarse, aumentando deste xeito a súa visibilidade, anque, á vez, tamén poida ecoar de máis dentro da rede.

E a xantanza foi iso e máis, poñerlle cara a blogueiros e comentadores cun bo churrasco e viño ao redor de aínda máis interesantes conversacións entre descoñecidos que se coñeceron no anonimato da rede. E de aquí nun ano eu diría que o blogmillo andará nos dez mil blos, así que chegará un día en que Carolina saia do seu anonimato e poida emular ao Orihuela no Pazo de Congresos falando para o blogmillo sobre o que é metabloguear, toda unha arte coa que se podería guguelatentar para comprobar a visibilidade real da blogaliza.

Esquecía, como esquecín o sábado cando mamá marchou con opedro e os cartos, agradecer aos que quedaron ao café post-licorka cunha ligazón a súa invitación. E saiban que a ligazón deste blo cotiza a tres euros e medio, así que dense por pagados os que van a seguir,

seo tools

ohqtordv,
maria de mallou,
folerpa,
dorfun,
ifrit,
paleon,
xosé antón,
homedareia,
ascárida,
emereci,
subcomediante H,
martin pawley,
dot e
snob neurótico.


Agradecido tamén aos que marcharan antes polas súas conversas e con mágoa de non poder falar con todos nin quedar á sesión golfa, bicos para todos.
12/19/2005 11:36:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Eisberg
Son moitas as lideiras a ferver nos meus neuronios e as máis delas teñen relación co mundo virtual, pero é ao mundo laboral a quen me debo, así que aínda que teño capacidade de proceso dabondo, os traballos manuais non me deixan voar como quixese.

Quería contar números, falar do traballo de ascárida, de calidonia, de lantania, que, por certo, é impresionante e según isto vive a só 884 metros en liña recta da casa dos meus pais, e doutros tantos anónimos que se atopan baixando ao fondo da rede. E é aí abaixo, chegando ás profundidades inexploradas onde se pode decatar un da grande explosión que se está a dar na arañeira e que só dá para ver a punta do eisberg, e como nun destes, onde a parte sumerxida e moito maior do que queda na superficie, sempre haberá lugares por explorar, e cada día máis. É sangue novo, os máis deles saltan desde o messenger ao blogomillo e, ás mesmas portas do inverno, é de agradecer que dun ano para acó a blogaliza está a abrollar nunha primavera que comeza a ser difícil de abranguer nun mesmo planeta.

Pero o mundo real non se move como na rede así, que volvendo ao mundo onde
o 46% dos entrevistados dixeron que o ADSL é unha sustancia alucinóxena; ou no que o 63,9% dos entrevistados asociaron Bluetooth cunha pasta de dentes

tentamos animar a mamá; opedro consígueo só cun sorriso, pero eu téñoo máis difícil sabendo o mesmo que ela, que pediu unha reducción de xornada (sen resposta) hai máis dun ano para poder compatibilizar a vida laboral coa familiar, que leva tres anos cun contrato de obra para implantación dun sistema informático que non ten nada que ver co seu traballo, que durante a xornada laboral o seu rendemento é intachable, que traballa nunha empresa que tenta ser grande pero non dá feito por mor dos administrativos-rémoras que levan aderidos, que... mellor calo.





E os lexisladores seguen a vivir nun conto de fadas non tendo en conta a realidade do mercado nin a realidade das novas situacións familiares. E os xefes de mamá viven noutro planeta, un planeta onde se prima máis a disponibilidade horaria que o rendemento e onde as súas mulleres son señoras da súa casa e xefas das súas chachas, nun planeta disque de iguais, onde o goberno converte en privilexios (para uns poucos) o que non pode converter en dereitos (para todos).

A ver quen se atreve a dicirme que, des que naceu opedro, mamá reduciu o seu rendemento...
12/15/2005 02:19:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




79,5mm x 95,6mm
Pistóns percorrendo distancias milimétricas en cilindros de tamén medidas milimétricas cubicando case os dous litros forman o corazón dunha máquina e como máquina que é non se pode laiar. Sen cambios de aceite, nin de filtros, o aire que agora lle entraba polas válvulas era un aire pobre que se tiña que abrir paso por un filtro suxo para misturarse cun gasoil que non ía ben peneirado. E notábaselle, notábaselle no cu, aquelas fumegadas delatábano.





Se falase diríalle que aínda lle podía ofrecer moitos apoios ao límite subvirando lixeiramente só para avisarlle de que levantase o pé do gas para logo, ao saír da curva, darlle todo o que tiña, subindo de voltas coma un lóstrego, facéndolle ver que aquelas cifras do par motor que viñan no catálogo non eran cousa de fachenda.

Si, era ruidoso e pequeno, pero sempre fora así, ofrecía o mellor que tiña coa idea de algún día chegar a ser un VH e estar sempre á súa beira. Era consciente de que non era o mellor, nin moito menos o carro máis lindo do mundo. Non era que fose feo, pero o tempo pasara por el e a súa fasquía xa non era tan atrainte, e aínda sabendo que tiñan un carro novo, non tiña ciumes ningúns por non podérense comparar. El apenas pediría que lle fixesen un mantemento axeitado e algún que outro lavado.

E aí o está, á mañá, baixo unha manta de xelo xirarán a chave do contacto e non dirá nada. Tremerá un pouco co frío e subirá de voltas a modiño, coma o primeiro día.
12/13/2005 01:08:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Telenova
Vai cambiando o xeito en que vemos a televisión. Onte foi unha das conversas que tivemos con parte da tripulación dos mediateletipos, que viñan para ver a opedro, pero coa demora da entrada na ría e máis co retraso do práctico por mor das condicións climatolóxicas, amarraron os cabos aos norais cando opedriño xa ía no segundo sono.

Na esencia pouco cambiou desde os tempos en que perdiamos un capítulo dos Novos e tiñamos que pedirllo a alguén que o grabara nunha daquelas cintas VHS. E o mesmo pasa agora, só que en lugar de VHS, o amigo é a rede e o soporte é dixital.

Así, mentres a televisión avanza a pasos lentos e o exemplo máis claro témolo aquí mesmo, onde a TDT non se pode sintonizar en moitos lugares debido a instalacións comunitarias non preparadas e falta de cobertura en moitas outras zonas do país e R, os da fibra óptica, segundo eles a tecnoloxía con maior capacidade de transmisión de información, que segue a ser unha das poucas cableiras no mundo, si, no mundo, que ofrece sinal de televisión analóxico, imposibilitando ofrecer aos seus clientes acceso á TDT, como xa anunciou ONO que o faría cos seus clientes, engadindo á súa actual oferta, todos os canais que se emiten dese xeito, sen necesidade de modificar ou engadir nada á súa instalación e polo mesmo prezo.

Neste panorama, somos os usuarios da rede de redes os que imos por diante, podendo acceder a servizos de televisión que hai uns anos non serían posibles. Agora, cando perdemos algún capítulo daquela serie á que andamos enganchados, ou ben, para ver as series de televisión que botan por aí fóra, só temos que procurar nos regatos de datos que transitan pola rede e poñer o noso video a grabar.

E a pesares de que o noso video apenas pesa cento e pico de kilobytes, é configurable até os máis pequenos detalles, rápido e consume moi poucos recursos do sistema; atreveríame a dicir que é o mellor e ademáis é de balde. E se para localizar aos amigos que tiñan as grabacións deses programas que nos interesan había que procurar por diferentes páxinas, agora co TVTAD a cousa é aínda máis sinxela.

O TVTAD é un lector de feeds, só hai que indicarlle as páxinas que dispoñen das series de televisión e dicirlle as que temos interese en ver e, logo que algún capítulo novo está dispoñible na rede, liga co noso cliente bitTorrent (o noso video) para comezar a baixalo á nosa computadora.





Así de fácil, logo todo dependerá da nosa conexión á rede; e como ben di a Sra. dot é o acontecemento do ano en moitas casas. E o non sabermos inglés xa non é problema, só hai que guglear un pouco e até podemos ver Lost con subtítulos en galego, xentileza de Endurance.
12/09/2005 09:59:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Viva as diferenças con naturalidade
A pesares de ter que ir traballar hoxe, non teño queixa ningunha por ese motivo, a queixa vén polo frío e pola humidade que me come a pel.

Sempre fun de verán, de praia, de mar. Co remate do verán a miña pel avísame días antes da chegada dos fríos secándose e, algunha vez, poñéndose encarnada, como dicíndome que comeze a botarlle cremiñas para protexela das xeadas. Todo isto é como un rito do que son o continuador e herdeiro pola parte materna por mor do seu código xenético.

Este inverno descobrimos que xa temos continuador nestas tradicións, pois opedriño vese tamén afectado polas xeadas do mesmo xeito que disque sofría unha tataravó que veu casar para aquén do Miño a unhas terras máis mornas, e quero pensar que un dos seus fillos emigrou para o Brasil apenas á procura dun mellor clima e non do futuro que labrou aló.

Do Brasil é de onde chegan as imaxes da caloriña, só para darnos envexa, dun blo descoberto a través do de Xouba, do Naturista, que está a facer unha campaña para descubrírenlle aos demais das vantaxes da práctica do naturismo.

Nun país onde as tetas pódense usar para reclamo turístico, teñen aínda que reclamar o topless como un dereito feminino, así que desde aquí, nós aderimos á campaña. Experimente o naturismo, viva as diferencias, é o natural.



E iso sí, que chegue o verán xa.
12/06/2005 08:00:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente




Pais analóxicos
Antes de saber do del.iciou.us ía gardando cousas que me interesaban cun copiacola no correo electrónico. Estes días fríos aproveitei para a limpeza nas diferentes caixas e asi foi que recuperei comunicados que van para os dez anos. A sensación é estraña, daquela a rede víase a a través dun netscape 2.0, e agora a rede é a Arañeira 2.0, ten vida propia.

Foi evolucionando conforme a xente que se integraba nela e neste século é a xente nova a que se vai incorporando, rapaces que medraron rodeados de tecnoloxía, xente que vai eliminando a televisión, ou a televisión como se viña coñecendo até o de agora, para vivir na rede.

Foi hai un par de meses que se laiaba a sobriña de mamá de que aínda non tiñan banda ancha na casa e tiña que compartir a liña cos demais da casa. Estaba a contarnos que tiña amigas con blo no spaces cando chegou o pai, que escoitara o último, que sen facer idea de que estaba a falar, pediu que lle traducísemos.



E non chega só con coñecer a lingua, tamén hai que saber un pouco da cultura. Estamos nun tempo que os nenos utilizan novos medios para crear un mundo propio, son quen de saberlle o nome a máis de trescentos pokemon e non teñen medios apropiados para nomear máis de dez ríos ou chegar á cultura escrita.

Logo, ela nos dicía que os seus pais eran analóxicos, así que o salto xeracional desta vez será evolutivo. Apúntome á mutación xenética.
12/01/2005 01:41:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente