<$BlogRSDUrl$>

    

             Esta páxina faise co Blogger. E a túa?

             Weblog comentado coa axuda de HaloScan.com

                   

Catu?
What will be, will be? Qué será, será?
Links
Abre noutra
           subscribe to this feed




          Creative Commons License
Esta lideira faise contando con   recoñecemento, de uso non comercial e para compartirmos igual segundo a licenza de Creative Commons


Na praia riu e lareou coma nunca. É agradecido, bota unha chea de risadas e aparenta ser feliz. Na casa, un baño e unha tetada deixano dormidiño, está moi canso, cáenselle os olliños.

Antes de marcharmos, fixemos unha foto do seu primeiro día de praia.

8/29/2004 11:03:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente






Non é un conto para nenos, pero todo saíu coma nun conto.

No primeiro non pensei en nada, pero se quedase algún cabo enredado, o que querería sería non pensar en nada. Pasei de ter o corazón engurruñado a ter un corpo tan cheo de satisfacción que as miñas válvulas de alivio tiveron que abrir por mor da sobrepresión. Todo saira como debía.

Chamei ao número asignado.

Chamar para dar boas novas é doado. Chegou con dicir Alles OK.

Agora ganei un pouco máis a súa confianza. Invitoume a unha papada na cidade do flautista. El ten a súa vida alí.

Pola noite iremos de Bierabend á próxima cidade do barón de Münchhausen. Alí está o meu hotel.

De seguro que a opedriño hanlle gustar os contos dos irmáns Grimm... e chegará o día en que poidamos ir xuntos ver a cidade dos ratos.
8/28/2004 03:29:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Apenas tres cousas a lembrar:

No test participa xente de lugares tan diferentes e tan parecidos como Moçambique, Alemania, China, Estados Unidos e Hong Kong. Escriben todos en inglés agás os alemáns que o fan en alemán. As respostas coinciden nos erros entre os que teñen a mesma procedencia. Curioso.

Se a experiencia é pouca e saes ao mar con ondas de catro a cinco metros, pode sentarte mal e botar todo pola borda. Compre lembrar que o café non é moi bo amigo e que o mellor é a biodramina.

Por primeira vez botei en falta ao pedriño e ás súa nai. Menos mal que estaban ao lado.

E como isto non rematou, estou moi canso e vou vello, marcho para a cama.
8/27/2004 01:50:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Non me resulta atractivo e iso que se abre un periodo extraordinario, non se sabe que vai pasar, pero sinto a tensión do meu corpo.

Non é algo que me disguste, pero desta vez, se unha parte do meu traballo significa convivir e facer de traductor entre uns alemáns que non coñezo persoalmente e uns funcionarios da administración española, si que amola un pouquiño. Sobre todo, candos estes funcionarios teñen un concepto do tempo e do diñeiro que non temos nós. Eles gastan e gastan cartos que non son seus, pero, iso si, naquelas oito horas, e non intentes localizalos á tardiña pois irás de cu. Pero o administrado ten que estar a disposición da administración a calquera hora para atender calquera cuestión e estráñanse de que consideres que o que nos afasta é a discrepancia nos criterios e nas prioridades.

Sei que me hei incomodar e terei que falar máis alto que outros para facerme oir, e aí estarei, pero agora non quero nin pensalo...

...agora non quero outra cousa que ir ver esas dúas preciosidades que me alivian. E sei que, polos menos, até mañá estarán aí. Mañá será outro bo día.
8/19/2004 02:19:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Moito se ten falado da televisión pública, tanto da súa programación ou do seu modelo, como da súa manipulación. Cando son os deportes o tema a tratar, o único que interesa é que se trata dun tema de interés xeral e hai que poñer todo o que for posible pola tele.

Xa lle tiven máis cariño aos deportes do que lle teño agora, e o que podo dicir no meu favor é que sempre preferín facer deporte a velo pola tele. Érache cousa de que co interés en facer ía o interés en ver, pero, aínda así, neses minutos mortos gústame saber como vai o medalleiro, así que aproveitei para poñer ao día o receptor coas actualizacións de canais nos satélites para satisfacer a miña curiosidade deportiva sobre o grande acontecemento. Haberá moitos que digan que poñen moito deporte na televisión, pero durante os Xogos Olímpicos, até parece que a xente é máis receptiva aos deportes. Sempre hai algún que pode resultar curioso.

Con isto, vou ver que hai na tele e eis que coa antena de sempre, vexo que na española teñen todo o día a programación de la Dos cos deportes que eles consideran maioritarios?. Cousa parecida ocorre na pública portuguesa, que recorre á Dois para retansmitir os Xogos. Os que queren algo máis, teñen que pagar por ver pouco máis, pois desde aquí, só podes ver Teledeporte e Eurosport, cunha programación similar.

Comparo coa oferta por satélite dos alemáns e voulle botar unha ollada. De entre unha morea de canais públicos (como din eles, os rexionais, os estatais e os federais) que emiten via satélite e de balde (para ver os canais alemáns só se precisa dun receptor e dunha antena parabólica), para facer seguimento aos Olympischen, veñen de destinar catro canais públicos da ARD e da ZDF para poñer ao longo do día todo o que está a pasar por Atenas en calquera modalidade. Para iso, durante a Olimpiada desaparecen da grella a EinsMuXx que pasa a Athen1, a ZDFdokukanal pasa a Athen2, a ZDFtheaterkanal pasa a Athen3 e a EinsFestival pasa a Athen4. Ademáis diso e tamén gratis teñen Das Erste que tamén segue os Xogos e é público e o privado Eurosport, tamén de balde, e con aínda máis ofertas a través dunha chea de canais tamén gratuitos e de oferta variada.

Nós, a seguir aturando coa ideoloxía única da TVG e co espanto de que nin a estes precisamos. Seica o informativo foi minguando en tempo, o presentador que falaba castellano marcha para Castilla, e que o espacio dese programa sumirase no tempo... se acordan.

8/17/2004 02:13:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Botar peidos nunca dera para tanto. Comendo, si, mentres comiamos cuns amigos o noso pedriño deu en botar unha ringleira de peidos seguida dunha treboada que fedía, así que tivemos que cambialo. Non é un cagón, pero pasamos a falar da frecuencia das súas cagadas e para comparar o sans que estabamos nós, pasamos a falar das nosas.

Ela preñou hai nadiña e, polo que contou, non debe estar moi san. Dixo que podía botar unha semana sen ir ao váter e, agora co embarazo, sospeita que irá a peor. Tamén nos conta que o que mellor lle sentaba para regular o seu ciclo dixestivo eran os peidos etílicos do fin de semana. O domingo pola mañá, coma un reloxio, alí estaba, eliminando o que levaba comido a derradeira semana. Aínda así, non se explicaba como lle botaba tanto proveito ao que comía.

De alí a un pouco, el, o pai do cigoto que ela levaba, comenta que lera que cada borracheira que levabas por riba podía reducir en cinco pontos o índice de coeficiente intelectual do meniño. E vai, e di, "cada peido significa cinco pontos menos de coeficiente intelectual". E ela responde: "Pois eu, coa chea deles que boto, o noso fillo xa debe estar en negativo"

Despois foron moitas risas, que deron risadas para tempo abondo.
8/15/2004 06:54:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente






Son xa moitos anos co meu computador conectado á Rede e o que nunca faltou no meu disco duro foron as aplicacións de correo electrónico e navegador web. Co tempo foron chegando e marchado outras aplicacións, moitas delas por curiosidade e outras por necesidade. E ao final, van quedando só as que utilizas a cotío.

Dun tempo para acó veñen en facer sitio en moitos computadores dúas aplicacións. Unha delas é o BitTorrent, que permite baixar unha película nunhas horas cunha conexión de banda ancha, e a outra é un lector de feeds, que mantén informado ao usuario das novidades que se publiquen nos seus sitios web preferidos sen necesidade de estar a comprobar se actualizaron cada pouco tempo.

A diferencia de outros programas p2p, o BitTorrent non ten sistema de busca incorporado, así que, existen páxinas, forums de discusión e canais de IRC especializados en publicar as novidades disponibles na rede BitTorrent. Agora, a unión destes dous programas, un cliente BitTorrent cun engadido en forma de plugin lector de feeds, está atraendo a atención das maiores compañías do sector audiovisual.

Pódese aproveitar este sistema para distribuir contidos a moitísimos usuarios sen necesidade de investir en costosos servidores, para, por exemplo, distribuir actulizacións dun sistema operativo dun xeito máis rápido que o de utilizar un servidor ao que se conecten todos os que quixesen esa actualización. En cambio, se as compañías do sector audiovisual xa están en loita contra os que usan este tipo de programas, a industria da televisión, que se financian coa publicidade ou son de pago, están a tremer. Nas terras de Sabela a Segunda, ás que as series de televisión do outro lado do Atlántico tárdanlle en chegar comeza a ser utilizada esta combinación, de xeito que nin sequera é preciso procurar cando botan un determinado programa, só deixar correndo o programiña e (nun futuro) cada vez que un novo capítulo de Pratos Combinados estea na rede, que o baixe para o noso disco duro. Isto sí que será televisión á carta, no futuro só se pagará pola calidade de imaxe e son.

E quen non grabou nunca un programa de televisión en vídeo para prestarllo a un amigo?
8/12/2004 01:39:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Entre a emoción e a confusión, non nos queda outra que confiar en nós mesmos. A vida que levo, que até o de agora consideraba o máis parecido ao normal, nunca tiña dado tantos tumbos coma nestes case dous meses. Hai uns meses nin sequera imaxinaba como era que a súa face podería ser. Agora non podo pensar noutras mans nin noutros ollos que os que veño de ver no seu berce mentres durmía.

Eses tumbos sí que os imaxinaba, pero vistos desde este lugar parecen un pouco máis doados de capear. Opedro ten aprendido tanto en tan pouco tempo que aínda nos está a sorprender a cotío. Mañá aprenderá novas cousas que deixarán ás outras no pasado e xa asimiladas.

A aprendizaxe máis satisfactoria para a nosa saúde está sendo a de cómo controlar o aparato dixestivo, reducindo o número de cólicos e de gases e, sobre todo, conseguindo ás tardes que lle parezamos tan simpáticos como nas mañás, botando unhas risadas que fan tremar algo dentro do meu peito á vez que acompañadas dunhas ganas enormes de espreitalo, achuchalo e comelo.

Sendo que a nai ten que turrar todo o día coas expresións que, os que coñecen a opedro, o califican: espabilado, nervoso, inquieto, esperto, sen paraxe, ..., a decisión a tomar foi que a súa nai ía tentar, polo seu ben, durmir máis de catro horas de seguido. A nai preparou a conciencia a operación. Non é difícil pero para iso era preciso utilizar ferramentas que dan medo.

Onte á noite dinlle o seu primeiro biberón, con leite que botara a súa nai. E mentres ela durmía, por aquí andabamos opedro e mais eu (os homes da casa) quentando ao baño maría o biberón. Non aturou moi ben o tempo de quencemento e, aínda co biberón frío, xa protestaba. De alí a nada xa estabamos no cuarto os dous. Encendín unha luz para poder velo, colleu a tetina con forza e comezou a chupar como se fose o teto. Sen apenas esforzo (pouco suor) non lle durou máis de dez minutos (incluídos os cambios de lado). E despois de escoitar arrotos de fame saciada imos a durmir, el, no berce ao meu carón. E durmo lembrando o seu primeiro biberón...

Agora cavilo na dificultade para comprender as conexións neurolóxicas que fan que os meus neuronios lembre todas estas cousas e, eis que, opedro volve a aparecer con esa ringleira de sons que da en botar pola boca para fóra que até parece que vai falar. Disque o cerebro humano vai esquecendo cousas, vai baleirando o seu disco duro para poder gardar cousas novas. E qué será que é o que estou a a esquecer? Tanto me ten, dun tempo para acó estou a deixar os settings en automatic...
8/09/2004 02:27:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Nin con antivirus nin co cortalumes. O lume vai por dentro e non teño con que apagalo. A loita que hai na miña gorxa leva a temperatura corporal a unhas cifras que non tiña visto desde hai anos. A presión dos fluídos ao baixar non é grande pero as tuberías están tan queimadas que prefiro cuspir a tragar a saliva que me produce o mesmiño churrasco que se nega a pasar polo esófago. Menos mal que o aire que respiro non atopa atranco ningún, pois co mal enfermo que dou, a miña nena estaba clara.

A boticaria dáme drogas legais e aconséllame non durmir no mesmo cuarto que opedro e, nin sequera, collelo no colo. Seica ten toda a pinta de ser unha infección vírica.

Bótolle a culpa ao aire acondicionado e lembro á miña nai dicindo que quen estiver enfermo de certo, gustaría de sanar para poder ir á escola. Xa estarei desvariando?

E quizais, como ben falan por , o meu tamén é un caso de incompetencia.
8/06/2004 12:54:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Despois dun tempo de negociacións, comeza hoxe a folga do servizo de limpeza e de recollida do lixo en Pontevedra. Ao non haber acordo nin sequera nos servizos mínimos, o Concello fai unha serie de recomendacións aos cidadáns, aconsellando non sacar o lixo á rúa, reducir a cantidade do lixo e incluso meter no conxelador os residuos orgánicos que antes se descompoñan. E se, "por extrema necesidade", marcha un da casa e ten que utilizar os contentores, recomendan engadir unha pingas de lixivia nas bolsas por mor de evitar o fedor.

Eu pregúntome se esta mensaxe chegará a ese viciño noso que saca o lixo da casa cando lle peta, o mesmo dá se for domingo, sábado, ou de mañá. Debe ser que, como non lle gusta o cheiro que a súa merda deixa na súa casa, leva a súa merda á casa de todos, isto é, á rúa. E se fixesemos todos así, qué?

Hai outros que cando fan unha festa-enchenta na súa casa a base de cigalas tamén sacan o lixo á rúa, aínda que neste caso non sei se o fan por dárennos envexa (pois en lugar de botaren o lixo nunha bolsa pechada, lévano nunha caixa aberta) ou por seren de natureza porcallenta.

Temos moitos máis viciños parecidos a estes, así que, agardo que a folga remate axiña. Mentres tanto, a concellalía de turismo, podería ir plantexándose promocionar a cidade con algún roteiro de turismo olfativo pois se agora os visitantes son agasallados coa Avícola Cheirenta de Galicia se entraren polo norte, e se polo sur, coa Cheirulosas, a partires de xa, poderán tamén gozar de cheiros e fedores varios polas ruelas da capital.
8/04/2004 12:00:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente






Coma sempre o móvil, a pesares de estarmos na Galiza, comeza a recibir mensaxes das operadoras portuguesas. Alí só hai unha pouca de cobertura para a Vodafone española. As operadoras de telefonía móvil con mellor recepción son a Optimus e a Vodafone portuguesa. Sempre se aproveita para apagar o móvil e non recibir chamadas desde fóra.

E alí, no medio de ningures e despois dun duro camiño para opedriño chegamos ao paraíso. Lánzome á auga desde o máis alto, sécome á soleira e disfruto do que a natureza puxo ao meu redor...
8/01/2004 11:30:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente