<$BlogRSDUrl$>

    

             Esta páxina faise co Blogger. E a túa?

             Weblog comentado coa axuda de HaloScan.com

                   

Catu?
What will be, will be? Qué será, será?
Links
Abre noutra
           subscribe to this feed




          Creative Commons License
Esta lideira faise contando con   recoñecemento, de uso non comercial e para compartirmos igual segundo a licenza de Creative Commons
Viva el Capital
Nuns anos opedriño preguntará como era que faciamos para ver a tele, se sempre tiñamos que ver o que nos puñan...

E todo cambiará nestes próximos cinco anos, coa televisión vía satélite e vía internet, a IPTV, dixitalizada, comeza agora a dixitalización da terrestre (non para todos) e, nun tempo, a de cabo. Virán os receptores con discos duros conectados á rede. Desde o noso traballo conectarémonos á rede de casa para dicirlle o que nos ten que grabar, ou, conforme ás nosas preferencias, cando cheguemos, xa terá algo grabado e a publicidade ou o que é o mesmo, os cartos, será personalizada. Xa non haberá que agardar polos anuncios para irmos ao baño, só con premer o botón de pausa poderemos seguir a ver onde o deixamos, e opedro terá moitas preguntas... e será cando lle conte que había uns aparatos en branco e negro onde había que darlle voltas a unha rodiña para cambiar dun canal a outro. Que tempos aqueles...

Así, non ía moi desencamiñado cando falaba o mes pasado dos canais que iamos ter na TDT, pois segundo El Mundo a cousa quedaría así,





Polo de agora seguimos sen información do que vai pasar por aquí, nin sabemos do segundo canal da galega nin das licencias que otorgou o anterior goberno na súa estampida, que parece que non imos saber delas até o 2007. Da oferta dispoñible, o novedoso, a falta de máis informacións, é que os de telecinco van potenciar o seu canal de deportes, que Sogecable vai acompañar a Cuatro con CNN+ e 40latino, que se incorpora a Sexta anque non emitirá até o ano que vén, esta tamén en analóxico (a ver onde a poñemos) e que TVE fai unha mistura dos seus canais temáticos excluindo, quizais o mellor que ten (de documentais), o DocuTVE e, tamén, o Canal Clásico.

Teño interese en recuperar o Nostalgia, que agora se chamará 50 aniversario, que compartirá emisión con Klan TV como un dos cinco canais de TVE e nos permitirá recuperar programas que se emitían cando eramos novos. Por certo, a ver se é que os da galega recuperan aos Novos para o seu segundo canal...





Porque cando eramos novos nin falta que facía ser politicamente correcto e, daquela, nas televisións saía unha meiga berrando a prognosticar o futuro, Viva el mal, viva el capital! e se a tecnoloxía nolo permite, o día de fin de ano a programación de 50 aniversario anuncian cousas como esta,

23:55 LA BOLA DE CRISTAL
RAMONCIN
(1984)
DIRECCION: LOLO RICO
REALIZACION: ERNESTO QUINTANA
PRESENTACION: RAMONCIN, OLVIDO GARA (ALASKA)
INTERPRETE/S: LOS REBLEDES, HOMBRES G, LOS NIKIS, OBJETIVO BIRMANIA, EL ULTIMO DE LA FILA, SINIESTRO TOTAL, BURNING, ORQUESTA MONDRAGON
Programa especial en el que Ramoncín presenta a los grupos que actúan. En la presentación, Lolo desea Feliz Año a todos. Sketch de los electroduendes que cantan ""el diablo sobre ruedas".


e tamén La cometa blanca, Los gozos y las sombras,... éranche tempos de colonización, despois chegaría o Xabarín.
11/29/2005 10:02:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Isopropiltioxantona
Mentres opedro estivo uns dez meses bebendo dese leite, os da fábrica de chocolate, non dixeron nada e agora que xa se alimenta co leite da vaca disque levaba tinta do envase. Puxeron un teléfono para informaren aos consumidores do mesmo que levamos lido durante estes días.





E el segue tan contento ou máis e non lle saíron nin cornos nin rabo, pero namentras, habemos facerlle boicot ao chocolate, polo menos até que non atopemos do de verdade. Seica a cousa anda mal, segundo me contan os fornecedores.
11/24/2005 10:17:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente




Een prima apparaat
Respostaba, hai uns días, o Arcadi, á pregunta dun blogueiro, aconsellándolle que escribise a cotío o que lle gustaría ler.

Por mor das últimas compras que teño feitas, levo un tempo ollando reviews e máis reviews sobre productos tecnolóxicos. Non me vén de novo, calquera que sexa a compra que faga, sempre vai acompañada dun período previo de procura de información sobre ese producto e, se ese é unha ferramenta ou un aparello electrónico, a colleita leva o seu tempo. Teñen sido moitas as páxinas lidas, e en moitas linguas, e aínda é hoxe o día en que para saber das experiencias doutra xente coas novas tecnoloxías non está de máis coñecer linguas estranxeiras.

Así é que, recollendo o consello de enriba, vou comentar algúns detalles da miña experiencia destes días co meu novo trebello e se hai alguén a quen lle poida interesar e non coñeza a nosa língua, que faga un esforzo. E dígoo eu, que, por teimar, teño lido cousas destas en holandés (ollándoo coma unha mistura de inglés e alemán) e até en... francés.





Se, ao comezo, ollaba con desconfianza un aparello que combinaba as funcións de PDA e mais as de teléfono, coa experiencia do traballo cotián, cada vez estou máis satisfeito. Se ben é un aparello grandeiro para ser un móvil, as súas prestacións son tamén ben grandes; a súa pantalla é dunha resolución óptima, cunha iluminación brillante, tanto que en condicións de pouca luz, os ollos recomendan baixar a súa intensidade. O teclado parece pequeno de máis, pero co uso, só se pode definir como acertado, de xeito que xa non dá preguiza escribir mensaxes sms e correos electrónicos a esgalla on the road.

E falando de móvil, a aplicación central é a do teléfono, desde onde se pode acceder á axenda, aos mensaxes, ao rexistro de chamadas, á vez que configurar calquera dos setenta accesos directos tanto para contactos como para aplicacións. Agora podo levar no meu móvil todos os números de teléfono que teño no Outlook e que antes tiña na Palm e mais no teléfono no mesmo lugar, que deben andar ao redor dos setecentos contactos cos seus respectivos números de móvil, do traballo, da casa, do correo electrónico, do messenger, do fax,... e coa posibilidade de acceder axiña a eles con só teclear parte do nome, da empresa, ou incluso do alcume, que, ás veces, llo poño e premer un botón un par de veces.

Sorprendeume a potencia que ofrece para ter armacenado todo o rexistro de chamadas recibidas, feitas ou perdidas, e cando digo todo, é todo. Onte tiven que botar man del para botarlle na cara a un cliente co que falara hai quince días, ás once da mañá e durante tres minutos e medio, do que estaba demorando en aquelar o aquel.

Pero tamén tiven algún problema imperdoable nun aparello deste prezo. Os dous primeiros días reseteábase soíño e sen avisar; solución, onde leva a tarxeta SIM do teléfono, poñerlle un papeliño por detrás, pois seica a tarxetas americanas, onde naceu, sonche máis gordas, e, logo, tamén deu problemas co mans libres do coche, cando ao conectarse vía bluetooth, volvía a facer reset. A solución desta foi eliminar da lista de favoritos os números de teléfono que tiñan díxitos extra, como os que se utilizan para chamar directamente a unha liña que estea detrás dunha centraliña.

E vou deixar para outro día o de facerlle a competencia aos de Palmaniac e contar todo o software que lle levo instalado e as súas posibilidades como ordenador de man, desde o uso do Navigator ata o reproductor multimedia, pero para iso agardarei a que os da Rotonda nos poñan E.U.R.O.P.A. en calquera formato, porque isto traga con todo, non coma o iPod video, ao que llo hai que mastigar.

Pero iso será outro día, que por hoxe xa chegou e teño que poñerme ao día.
11/22/2005 11:30:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente




A ratiña Lola
Non sei como habemos facer noutros tantos meses, agora que "só" van dezasete. Quizais habería que pensar en facer deporte para poder aturar co ritmo que marca o pequecho da casa. O único que quere é xogar, xogar, xogar e comer coma un lobiño, sempre que se lembra, e, todo, sen paraxe.

Agora, dáselle por collernos pola man para levarnos onde el quere para que lle collamos algo, para que lle leamos un conto, para xogar coa bola, para saír á rúa, para que lle poñamos a televisión... Cando a canseira nos vence, tanto nos ten o que faga con tal de que non amole moito.

Aínda así, a televisión pasou case a ser un obxeto decorativo mentres el anda pola casa, non sei que carallo ten, pero cos debuxos animados e a publicidade queda paralisado fitando para ela. O pouco que consentimos é poñerlle uns videos que temos no disco duro de Baby Einstein, e é tal a súa emoción que, só ver a pantalla do Media Center lista para botar a película a andar, sobe ao sofá a correr para bailar xa antes de que comecen a saír animais pola pantalla da tele, tal como na hora de comer, que gabea á súa trona e séntase para que lle aten o babeiro e pedirlle aos camareiros que lle poñan a comida. E coa computadora, pásanos outro tanto, o pouco que lle poñemos son unhas fichas da ratiña Lola, que, non sei porqué, vólveno toliño, así que cando o atopa ao seu alcance, dálle ao rato e a todas as teclas cantas pode para ver se pode poñer á Lola pola súa conta.





E onte, mentres recolliamos a súa desfeita e mais a compra do super, el andaba nas súas cousas e escoitábase como batía no teclado. Logo, silencio. Só un minuto máis tarde viña á cociña con cara de mira que pasou e coa tecla L na man, así que non é de estrañar, que un día destes, nos bote a casa abaixo.
11/17/2005 10:10:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Grandes apertas
Estaba actualizando os meus neuronios cando din con parte dunha carta que escribiu ao Diari de Tarragona o home da muller e pai dos tres nenos que morreron nunha nunha explosión.
Sólo me queda un pequeño consejo para todos, abrazad a los vuestros, abrazadlos siempre que podáis. Aquel beso que no se da, se pierde para siempre. Sin amor no hay nada, os lo aseguro.

Non sei que dicir, lin algo máis e a miña gorxa faime saber que está aí. Por un momento, vou sen rumo de ligazón en ligazón sen saber cara onde vou, cando, de súpeto, dou, cun só clic, coa realidade, unha da casa Gorka Limotxo, que comeza cun curso de francés, Écoutez et répétez, para mellor sabermos o que está a pasar en Francia, e á vez, descubro que a vida segue, cun sorriso imposible, lembrando que os humanos temos a capacidade neuronal de esquecer situacións traumáticas, así que, polo de agora, voume concentrar no de aprender francés...





...hoxe dinlles unha aperta ben grande. Opedriño respostou con risadas, mamiña sorriu.
11/15/2005 01:23:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Sempre igual
Ía ser unha semana de pouco choio, pero cada unha das veces que tiña que coller o coche era para ir ou voltar con apuro, sempre coa agulla tirando cara o encarnado.





Sonora era tamén a peaxe a pagar por levar ao motor xirando aló arriba para chegar con menos atraso, e foi que xa falaba o David Bravo, arrincando risadas sobre as mentiras que se crean ao redor do intercambio P2P, logo falou o Ignasi Labastida, do que tentarei tomar nota e facer algo, anque me bota para atrás chamarlle obra a isto. Despois foi a suellen a que amosou algo máis que un proxecto, unha marquiña na rede en galego, as Ediciós da Rotonda, facendo historia. Coas presas e sabendo segura a chegada do mp3 do Jorge Cortell via chiu, aínda roubei tempo para coñecer ao home inédito e apuntarlle a asca que a PSP mola.

Ás 19.13 atravesaba a ponte de Rande a 56 kmh por mor do tránsito, pasando a uns dous mil seiscentos trinta e oito metros de opedro e mamá cara a Portonovo. Ao pequerrecho diagnosticábanlle a súa primeira amigdalite. Tanto é que o pasa mal que por evitar a dor nin traga a saliva, así que houbo que voltar aos babeiros. Vese estraño tan grande... e con babeiro.
11/12/2005 02:28:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Küssen
Unha das cousas que me aclaran se un blo é un blo é a posilidade de comentar, tanto polo enriquecedor que poida ser para o seu autor coma pola calidade dos comentarios deixados, que non cantidade, que enriquecerá ao seu lector. Tamén é sabido que as estatísticas poden facer chegar moita información. O que nunca pensei foi que alguén poidese chegar acó desde o guguel procurando por algo tan lindo.

Obrigado, sexa quen for.
11/10/2005 12:56:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Parabéns, Sedan Deluxe do 56
Fíxose tan popular que nunca pensaran que o nome lle ía ir tan ben, o Volkswagen, o coche do pobo. En 1936, un enxeñeiro alemán comezou cun proxecto que resucitaría despois da guerra un militar inglés e demoraría até 2003, cando VW paraba a súa producción. Tanto foi, que non hai ningures na Terra onde non se coñeza, e en cada país, ou nación, ou o que sexa formou parte do pobo que, o asimilaba dándolle un nome diferente do comercial; aquí escaravellos, alén da Canda, escarabajos e ao sur do Minho, carochas, cruzando o mar son fuscas, vochos ou bugs e en Europa é coñecido como cox, Käfer ou maggiolino.

Ao sur do Miño era onde ía o meu pai. Lembro, que de neno, fedellando nos caixóns da cociña sempre aparecía un vello pasaporte, todas as follas estaban tintadas cos mesmos selos e carimbos, había uns da Aduana de Tui e a outra metade eran da Alfândega de Valença. Eran o resultado da compra que fixera nunha poxa nas Aduanas de Vigo, un coche con placas alemás requisado por non cumprir cos requisitos de importación e pagar as respectivas taxas, e que, a falta de pezas de reposto ao norte do Miño facíalle ir até Viana, onde era o carro-rei.

Iso foi en 1967, uns anos máis tarde morría de tanto carrexar ladrillo e cemento, anque non hai moito, esta xoíña da familia revivía de novo coas súas mellores galas. Moito traballo levou e custou deixalo case igual a aquel día de novembro de 1955 cando saía da fábrica de Wolfsburg cara un concesionario de Hannover, a onde chegaría o día nove do mesmo mes.





En 1945 saíran á rúa 1.785 vehículos, co tempo, a producción foise incrementando para chegar en 1955 ao millón de coches fabricados, que se converteron en 1974, ano en que lle deixou sitio ao Golf, en máis de 16.000.000. Logo, en México as cifras engordaron ata os 21.529.464 o número dos que fabricaran. E é o día de hoxe, cincuenta anos máis tarde, que o número 1.012.791 queima, polas nosas estradas, gasolina sen chumbo misturado con aire do Atlántico. Unha beleza.
11/08/2005 09:46:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Macacadas
Uns días fóra, con opedro turrando por nós polos buratos do metro, fascinado por un chuu-chuuu descoberto en días de chuva, á procura de outros nenos para xogar sen paraugas. Desde o pequeno-almoço no salón, xogando coa cadeirinha que lle puñan para chegarlle á mesa, ata a noite, tomando o leite no quarto logo de abrir todos os caixóns, armarios e billas, houbo carreiras, comidas, macacadas e sonecas.



Foron días de descanso e recuperación (se se pode entender dese xeito), así que cando el descansaba, nós tamén. Iso significou perdernos o único que levabamos previsto, irmos á Casa da música e vermos o concerto para bebés (contando con que opedro estea a deixar de selo); quizais outro día teñamos máis sorte. Polo demais, estar con el as vintecatro horas ao día significa decatarse do que está a cambiar. Agora está no tempo de socializar con outros coma el, procura outros nenos para xogar, así que a chamada da gardería para dicirnos que estaba admitido é certo que non asustou tanto. Dixeron que habían de chamar por el en pouco tempo, e el parece todo o preparado que poida estar un homiño de dezaséis meses que vai experimentando con todo que se lle pon a man, desde perfeccionar coa culler e o garfo para alimentarse el mesmo ata sorprenderse co son dun peido e agacharse para comprobar de onde viña. Hai novidades por todas partes.
11/04/2005 02:15:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente