<$BlogRSDUrl$>

    

             Esta páxina faise co Blogger. E a túa?

             Weblog comentado coa axuda de HaloScan.com

                   

Catu?
What will be, will be? Qué será, será?
Links
Abre noutra
           subscribe to this feed




          Creative Commons License
Esta lideira faise contando con   recoñecemento, de uso non comercial e para compartirmos igual segundo a licenza de Creative Commons


Un billete para un, ou para dous? Non teño moita gana de ter que dicir que er ist zu hause geblieben, pero eu teño que ir, e non é ocio que é negocio.

Cada día que pasa, demora aínda máis a compra do billete. O mesmo ten de onde saír, de OPO, de VGO, LCG ou de SCQ. Sempre significa máis de catro horas até HAM.

Opedriño séguenos cos seus olliños mentres concluimos que para voaren comigo, a parte máis sencilla da loxística sería conseguir o Mietwagen mit Kindersitz

Irmos fóra deixará de ser sinónimo de erguerse ás tantas da mañá para conducir ata un deses aeroportos e apañar un avión que vai facendo paradas no camiño ao fin do mundo. Pero, cando?

O único proveitoso é que se fai turismo aeroportuario.

-E ti, estiveches algunha vez en Frankfurt?

-Bueno, estiven en FRA. Viches o Sky Line que conecta as terminais?

Patético, pero non é raro verme neses aeroportos infinitos procurando lugares para fedellar nas novidades tecnolóxicas.
7/30/2004 01:10:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Segue a sorprenderme a grande capacidade que teñen os Sicarios de Cristo para sair nos medios de comunicación. Xa non me sorprende tanto a capacidade que teñen para dicir parvadas.

Como ben se fala no días estranhos, o que os mata é a súa falta de tolerancia. Tamén os mata esa obsesión por controlar a todos os membros da súa secta e, incomprensiblemente, dos que non pertencen a ela.

Seica así, hai cousas que lles debe de dar un pouco de apuro pois organizan asociacións para reivindicar o que a eles lles quitaría ese cacho de crédito que perden cada vez que falan.

A súa última iniciativa é PlayasFamiliares.org, na que varias asociacións piden a delimitación de espacios nas praias e piscinas galegas para uso familiar, que garanticen el decoro y el respeto a los demás (incluida a infancia). En pleno século XXI, esta volta atrás nas mentalidades só pode ser debida a que o capital montou unha empresa de traxes de baño puritanos, sen ter pensado na viabilidade.

Penso que o decoro pensado así, da moita calor, e o mellor para a calor é nudismo de interior.

E esta xente, seguro que non viría dun planeta onde a xente nace coa roupa posta?
7/28/2004 12:05:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




As súas primeiras risadas


Os colegas envían mensaxes contando o que se nos bota en falta na praia, iso agradécese e, asemade, temos envexa. Nós mentres tanto, como dicía a miña avóa, somos coma o can de Lagares, que seica ía polas portas para que lle desen comida. Nós procuramos apenas unha herba, unha sombra e se hai piscina, mellor.

Nunca estivera tanto tempo indo tan pouco á praia, menos mal que os grandes damnificados solidarízanse connosco e invítannos a pasar o día nas súas casas. Só en un destes lugares é aceptado o nudismo, así que terei que ir pensando en ir, cun pouco de atraso, ás rebaixas. O motivo será comprar un traxe de baño por primeira vez en doce anos, pois o taparrabos que levo polas pasarelas foi un agasallo de hai dez anos.

Ela di que é unha vergoña andar con ese trapo vermello que, ao estar tan estirado, parece unha saia. Eu penso que xa vai sendo hora de ir ás rebaixas, pois a goma da bragueta está tan pegañenta que queda ou ben aderida á tela, ou ben ao meu cu.

E mentres opedriño desvía a atención do meu traxe de baño e xa da as súas primeiras risadas, as bombas, a calor e as calma resoan por todas partes
7/26/2004 01:06:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Teño que incomodarme para que me escoiten e iso faime moito mal.

Os ladróns deciden dotar á empresa da eficacia e a competividade que eu desexo, así que pasan a facturar o marabilloso servizo Bonos Minuto Compacto 500 pois seica é o que precisamos.

E el dálle a dicirme que sí, que o solicitara en tal data. Dígolle que non. Volta a dicirme que sí, e que se non fora eu, o máis probable é que o fixera alguén desde aquí.

Levo moito aire para os pulmóns mentres escoito as súas palabras. Fálame nunha língua que entendo e falo, pero pregúntolle se non podo tratar con alguén que fale galego. Teño que seguir aturando. Escoito palabras soltas, contraseñas... otra persona... llamado... solicitó,.... e os meus neuronios envíanme imaxes dese home dicíndomo diante miña.

Entón eu xa dera coas instruccións para montar o meu propio lanza-lapas e alí estaba eu, no escritorio dun comercial dos que nos tentan roubar. Desta vez non foi quen de dicirme que puiden ter sido eu o que dera de alta o servizo ese. Díxome que non habería problema ningún e que habían de devolver os cartos.

Tento ollar os seus ollos mentres se derreten a temperaturas dolorosas. Só lembro que eu berraba "Non ves que usamos outro operador de telefonía, sería de parvos solicitar un servizo que non podemos utilizar", e nin con esas. Volvín a llo contar doutro xeito. Parecía que o entendía. Díxome que non me podía asegurar que me devolvesen o diñeiro pero que se chamar a oito números de teléfono diferentes e agardar por diferentes interlocutores durante dúas horas, habíanme de dar un premio.

Seica é máis doado contruir un lanza-lapas que agardar a que estes poidan sequera dotarnos das súas mellorías.

7/23/2004 12:26:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Lendo o xornal daqueles días, chama a miña atención unha lista de mozos que ían facer o servizo militar. Paso por riba dos seus nomes, e dos nomes dos seus pais, pero máis de un, de dous, de tres, de catro... teñen como filiación, ilegítimo.

Moito ten chovido neste país desde entón e o estigma social, que acompañaba aos fillos de pais solteiros ou descoñecidos, esvaeceuse no tempo. Os seus dereitos como persoas son defendidos e recoñecidos pola sociedade, non precisan de dar explicación ningunha.

E coma eles, nós. Se opedriño ten pais é porque foi unha decisión nosa. No momento que tomamos a decisión non precisamos de ir perante un notario para que dese fe da nosa vontade por escrito. Sabíamolo nós e era o noso acordo, así que sobraban "requisitos" innecesarios nin previos.

Así, hai cada vez máis xente nova que ve o casamento como unha formalidade sen finalidade, pois os nosos dereitos xa se defenden de calquera outro xeito. Pero desde o momento que o matrimonio é un espectáculo e a cimeira do consumismo, ¿cal é a valoración que damos ao matrimonio? Ese matrimonio, o civil, motivo de orgullo dunha xeración, está a perder crédito entre unha mocidade que ve o divorcio como unha perspectiva dese contrato. O convivio entre unha parella comeza e ser visto como normal, incluso entre os pensionistas que se xuntan para non perder a paga.

Con todo isto, é chocante que os homosexuais aparenten estar a favor do matrimonio. Seica a súa motivación agacha a reclamación duns dereitos individuais que nos habían corresponder apenas como persoas. Mentres tanto, os únicos humanos que son chamados tíos polos seus fillos tamén están a favor do que eles chaman o verdadeiro matrimonio.

Eu soño cunha sociedade que saiba levar a desaparición da institución matrimonio e que saiba ver a unión de dúas persoas de calquera sexo como un acto totalmente privado, tan privada como é a decisión de ter ou non ter fillos. Xa non terá sentido manter unha tradición en forma de matrimonio civil, que só ten consecuencias legais o día do divorcio. Mentres tanto haberá xente que siga a casar nas igrexas, e non valerá como escusa facelo polos pais nin ter papeles, nin por amor. Pensarei que opinan coma eses, e eu seguirei a pasalo igual de ben, eu vou a festas, non a vodas.
7/21/2004 02:15:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Pois o feito é que os días que opedriño pasa fóra da casa as apariencias sempre acaban por engañar. Tanto no sur coma no norte sempre nos din que este neno é boísimo e se nos queixamos, é de vicio. No norte din que son os aires, e no sur din que é o aire pero o certo é que o cativo está mellor de paseo. Os seus desacougos mínguan cando estamos todo o día fóra.

Hoxe, na praia, despois de dúas horas de desconexión mentres el durmía na dos avós, riamos e comentabamos que ben estariamos vivindo nunha casiña daquelas que se saltaran a Ley de Costas e nos preguntabamos se habería alguén disposto a facer un troco... polo ben do pequeno.

Rematamos falando do que eu lera á duquesa por aquí, falando nos comentarios que a destrucción dos mitos infantís forma parte do ciclo da vida. Eu non lembro ningún mito, quizais sempre me chamaron máis a atención as persoas que podía sentir, pero sí lembro, nun día de inverno de hai moitos anos, a un rapaz da miña clase, mentres iamos á escola, dicindo que Epi e Brais eran maricas. Eu daquela nin sequera sabía que significaba aquilo pero quedoume gravado. Se for agora, con isto da Internet, dirían que os botaron do barrio Sésamo e gañan o pan facendo videos porno, e o que é peor, enviaríanche as evidencias.
7/19/2004 12:21:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




A foto é para engañar. Pensades que vou facer público o código fonte do Paraíso? ;-)

Conducir pola costa galega leva consigo o privilexio de ler nos sinais nomes como Esteiro, Xuño, Lira, Portosín, Fisterra, Noia, Muros, Corcubión,... e por suposto, eses lugares permítenme pasar e darme un chupo no mar de Baroña. Pero foron tantos os quilómetros rodados que agora síntome derrengado. Aínda así, hoxe voltamos comer á casa dos avós do sur, e foi a primeira vez que deixamos a opedriño orfo por un tempo para poder ir até a praia.

O certo foi que non nos prestou moito. A nai estivo pendente todo o tempo do teléfono, por se for precisa a súa presencia, pois agora é como unha cociña andante, así que foi logo que voltamos a darlle a merenda. Para mañá tentaremos, se o rei da casa nolo permite, ir até ás pozas do Rosal.

Teremos que ir ben equipados para pasar o día nun paraíso natural que o ten todo, temos sol, temos sombra, temos auga e temos beleza. Non hai sitio para moita xente e habitualmente todo o mundo está espido, os únicos sons son os dun río bravo fluindo por unha fervenza abaixo. Todas e cadansúa vez que alí paramos, séntome nunha pedra do outro lado da poza e ollando a bravura da natureza sempre penso que estou no paraíso. Ao ser un paraíso descoñecido, ás veces ocorre algo que non ocorre noutras maravillas naturais, que un descoñecido que chega por primeira vez che comente da beleza do lugar.

Desta vez será máis lindo, se for posible.
7/17/2004 01:33:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Nunca imaxinara eu tal, pero cando saímos á rúa coa mochila é impresionante a cantidade de xente que te para para dicirche algo do meniño, que se que rico, se que bonitiño, se que pequeno,... Unhas nenas, botando man da pregunta máis común, preguntáronlle á nai cantos meses tiña e díxolles que aínda non tiña un mes. Dixeron que era moi pequeno, pero que aínda así era moi lindo. E eu coméntolle á nai que de seguro que sería un moi bo método para ligar, pois pola rúa o máis que vexo son sorrisos, e, sobre todo, sorrisos de nenas, que se fixan e sorrín bastante máis que os nenos, e son as que maior facilidade teñen para te abordar.

Mentres me relamo orientando as orellas cara os comentariosos sobre o pequenecho, da xente que pasa á nosa beira, el fita para a mancha escura que vai ao noso carón, pecha os seus olliños e deixa fuxir un suspiro do seu peito. Eu dígolle á mancha, "está tan lindo, que dan ganas de comelo".

Xa en casa, cos seus choros acompañando a película da nosa vida, arrepíntome de non o ter comido...
7/14/2004 12:57:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Mentres estabamos no hospital xa sabía que o único xeito de poder escribir aquí, era utilizar a conta de correo electrónico que tiña dado de alta no panel de control do Blogger.

Na práctica, foron tantos os problemas para publicar no blo coa PDA, que tiven que procurar outro xeito de facelo. O prezo a pagar por usar redes GPRS non é barato e a posibilidade de publicar por correo facilitábame as cousas. Pero só puideron ser factibles dúas comandas, o resto dos correos perdéronse nalgún burato negro da internet antes de chegar a servidor de correo ningún.

Foi entón que tiven que botar man da navegación web para poder publicar no blo do xeito habitual, aínda que eu desde a casa utilizo unha creación brasileira, o wbloggar, un editor que facilita postear utilizando case calquera sistema de publicación (desde o Livejournal até o Movable Type, pasando polo Blogger) e coas prestacións dun potente editor de textos. Recomendaría esta ferramenta a quen publicar, pois unha vez instalada na computadora, non serás quén de deixala.

E eis que atopo un novo software para o mundo das Palm, o Hblogger, un programa que me tería vido moi ben daquela pero que non demorarei en ter oportunidade de probar, quizais esta semana, de camiño a algures polas estradas galegas. Se puider, hei de ver que tal é a súa relación co galego, pois seica só integra os conxuntos de caracteres ruso e inglés.

Se o tivese sabido, quizais aproveitaba o tempo para postear desde unha área de servicio da autoestrada, para contar que estaba parado entre coches de liña e camións vendo como opedriño chuchaba na teta da súa nai. Isto nin sequera pasara nin no máis raro dos meus soños.
7/12/2004 01:29:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Hai uns meses cavilaba na chea de cousas que tería que rexeitar chegado este momento, agora a perspectiva é outra. Sabía que todo ía cambiar. Sí, a decoración da casa ten cambiado moito; agora boto unha ollada ao meu redor e hai moitas cousas que nunca antes imaxinara. E a pesares de ter comentado veces dabondo como é que sería el, tentando imaxinalo, nunca o teriamos adiviñado, e agora non o podo imaxinar doutro xeito.

Unha das imaxes que os meus neuronios aínda me lembran, a pouco que o intente, é a secuencia da primeira vez que o vin, e agora, xa non quero esquecela, entrando naquel berce no cuarto, sei que o primeiro que lle dixen foi "Olá" mentres el mantiña os ollos pechadiños e coas mans diante do bico sen inmutarse. Agora está tamén comigo. Daquela a nai estaba aínda no quirófano. Hoxe van vintedous días desde entón, e a nai está descansando dun día esgotador á vez que único e el, cos ollos pechados, durme entre mil soños dos que eu desexaría gozar. A miña vista vaise cara el cada vez que bracea, patalea, tuse, espirra, bocexa ou larea. Hai un intre, aínda esperto e cos ollos ben abertos, lareando, díxome algo así como "Dáme a chupeta e faime uns aloumiños para durmir" e eu fíxenlle caso e axudeino, e agora estou tan cheo de felicidade que boto por fora.

Agora sigo a pensar, como facía, que a nosa vida ten prioridades e non é tan difícil ir poñéndoas en orde. É certo que non se pode ter todo, pero eu non quero todo, só quero un pouco, unha pouquiña cousa para que todo vaia ben. Gústame pensar que o que está detrás da porta agardando á mañá, ese desacougo cotián, voltará quedar atrás da porta cando mañá chegue a casa pola tardiña e diga "Olá". Non me arrepentir de nada é o único soño que tiven e sigo tendo, e con todas as oportunidades perdidas que vin pasar, máis dunha vez dubidei, e aínda así sigo pensando que o voltaría facer. Quero que esta vida chegue ao infinito...
7/09/2004 01:33:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Este home é un dos responsables do equipo que ven de publicar no Journal of Ethnopharmacology un estudio sobre a mellora da visión nocturna nos fumadores de kif (a mistura de tabaco e hachís) no Rif marroquí. Neste estudio traballou tamén xente da universidade de Granada e da de Tetuán.

Partindo do feito, xa estudiado, de que os pescadores xamaicanos fumaban marihuana para traballar pola noite nos arrecifes, deron en estudiar o efecto dos charutos nos pescadores do Rif, e os resultados, aínda que non definitivos, aclaran algúns aspectos.

Os profesores Abderramán Merzouki, da Universidade de Tetuán, e Jaoquín Molero, da Universidade de Granada fixeron o estudio utilizando os porrros de kif fumados tradicionalmente polos nativos, e o profesor Russo, da Universidade de Montana usou Marinol, un dos poucos preparados de laboratorio que sintetiza o componente activo da marihuana. O resultado foi que só os fumadores de hachís melloraban a súa visión nocturna e nos consumidores de Marinol non se apreciaban diferencias.

Agora, a hipótese sobre a que están a traballar é no desempeño dalgún deses componentes do cannabis na regulación do nivel vitamina A, tamén chamada retinol e a súa relación coa cegueira, así que de aquí a uns anos han receitar hachís aos deficitarios de vitamina A, ou non?

Se as farmacéuticas o permiten, no meu soño, nun futuro non tan lonxano, vivo nunha terra na que a viña que fai o viño comparte ferrados coa marihuana que fai o hachís. Leiras, eiras, tomadas e campos verdes até onde non me chega a vista.
7/07/2004 01:02:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Parece que as dores son menores. Onte foi a primeira tarde da súa vida na que non chorou, mentres camiñabamos por ruelas comezou a solicitar teta e foi que chamamos aos amigos máis próximos. O problema non era darlle o teto na rúa. O problema era o vestido, tiña que sacalo enteiro pola cabeza para poder alimentalo. Foi na súa casa que lle chegou a hora de conexión da sirena e o anfitrión decidiu poñerlle un pouco de música a todo volume e parece que lle gustou. Co rebumbio da música que saía dos altofalantes (estaban estropeados), e o feito de telo deitado no colo bico abaixo, calmouse de tal xeito que non demorou moito para durmir.

E hoxe, na casa dos avós do sur, a nai de opedriño permitiulle ao seu tío facerlle o que xa leva tempo facéndolle a outros bebés. Puxo o seu pescozo entre os seus dedos, despois foron os seus cadrís, e o noso cachorriño enchía os seus pulmóns de aire só para chorar. A súa nai tamén choraba mentres o fisio lle dicía canto lle doía, ela non o podía evitar, é a súa nai. Durante a manipulación, o pequecho arrutou e peidou, e até que espertou coa fame non voltamos saber nada del.

Hai un pouco, ese desacougo aparecía de novo, así que, despois dunha media hora de choro-non-choro e un pouco de colo, mentres Sheena facía vibrar os seus tímpanos, resultou no efecto desexado.

Será tamén que ha estar a formar un gusto particular pola música?
7/05/2004 01:20:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






A nosa manía de organizar as viaxes de lecer pola nosa conta, sen recorrer ás axencias de viaxes, facía que tal día coma hoxe estivesemos no porto de Toulon prestos para meter o noso carro na barriga dun barco que nos levaría a Corsica.

Até alí leváronnos as praias corsas, unha chea de praias de area branca, co mar transparente e de augas mornas, que chegaban a acadar os vinteseis graos de temperatura. Nós xa tiñamos reservado con antelación nun dos dous únicos campings naturistas de toda a illa, o Riva Bella. Alí estabamos rodeados de italianos, franceses, alemáns, holandeses, austriacos,... de europeos en pelotas.

Supoño que moitos deles quedaban sorprendidos ao pasar por diante do noso bungalow e ver pendurada a bandeira galega, que sempre que saímos fóra vai connosco. E como os europeos son así reservados, só dous se atreveron a preguntar. Unha delas era alemana e preguntóunos de onde era aquela bandeira tan bonita, e aínda é hoxe o día que lembro a súa voz falando da nosa bandeira e dicindo "schöne fahne". Teño ansia de voltar alá co pequerrecho e amosarlle aquel paraíso habitado por unhas xentes que pola mañá saudábannos dicindo "Bonghjornu" e percorrer as súas estradas cheas de curvas, aínda con sinais de poboacións pintados en corso por riba do francés, isto éranos familiar. Pasar outra vez por Lugo e ver outras tantas marabillas. E de contarlle porque hai tantas bandeiras coa cabeza do moro (a bandiera testa mora) e tan poucas francesas (tricolore) na illa na que naceu Napoleone Buonaparte... e hai tanto por falar.
7/02/2004 12:57:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente