<$BlogRSDUrl$>

    

             Esta páxina faise co Blogger. E a túa?

             Weblog comentado coa axuda de HaloScan.com

                   

Catu?
What will be, will be? Qué será, será?
Links
Abre noutra
           subscribe to this feed




          Creative Commons License
Esta lideira faise contando con   recoñecemento, de uso non comercial e para compartirmos igual segundo a licenza de Creative Commons


Estamos os tres no salón escoitando a Family, as luces están apagadas e a luz da lúa déixame ver as súas facianas. As fiestras están abertas e as nosas cavilacións enchen o espacio.

Non é fácil, e o doado e máis maravilloso é estar nos bos momentos. É difícil non saber que facer cando non hai nada que o acougue. Agora a nai e mais o fillo durmen pero foron momentos moi tensos. Se os cachorriños choran, seica é por algún motivo, pero a mensaxe do noso cachorriño é tan críptica, que a confusión que provoca entre os destinatarios da mensaxe é enorme. Nestes momentos, dar coa resposta adecuada leva tempo, tempo que te vai comichando por dentro, e as entrañas doen. Dubidas se estarás preparado para o futuro, cando tes dificultades no presente.

A situación é tan confusa que hai que facer por manter a calma, coa única intención de transmitir tranquilidade ao indefenso. E só cando eses tres peidos invaden a nosa casa, a mensaxe é máis clara e cheirenta que nunca.

Lémbroa desde sempre con ese instinto maternal, que ao revés doutros que teñen medo a coller bebés no colo, facía que os críos se derretisen no seu colo e sei que iso, entre milleiros de cousas máis, fai dela unha das mellores nais do mundo. A min, mentres tanto, apúrame que opedro bote man dese instinto, para procurar, dun xeito rápido, a botar eses peidos fóra do seu corpiño.
6/30/2004 01:38:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Vai para unha semana que vivimos na casa do Pedro e o leite da súa nai sábelle moi ben. E aínda que lle sabe tan ben e chucha con tanta ansia, ferméntalle e prodúcelle gases no seu bandulliño. Despois ven o esforzo por facer que todo ese aire que leva dentro, lle saia fora e iso é o peor. A dor que tenta comunicarnos mentres conecta a súa sirena particular, convértense nuns choros que meten medo. Nestes momentos, devecemos por escoitalo arrutar ou sentir ese peido máxico, ese puuuuurrúúúúúúúúúúúú. Canto máis demora o son no tempo, mellor nos atravesa esa frecha de calma, e dalí a un pouco, ou ben comeza a pechar os seus olliños, ou volta a acender a sirena...

Tamén hai outras cousas que axudan a voltar á calma, e ver todo este proceso de maduración na nosa casa é algo único.

Son consciente de que en pouco tempo xa non lembraremos estes momentos, que comezará a fabricar as súas primeiras bágoas, así que aproveito para adoralo e gravar esa imaxen de opedriño cos ollos abertos coma pratos, que apenas pecha para espirrar e bocexar, cousa que me din os da sección sanidade que o fai para limpar o nariz e para espreguizarse.

Onte caíalle o cordón umbilical para marcar o seu umbigo, esta mañá sorría coma un parvo mentres durmía e esta noitiña conmovíase entre saloucos. Agora durmen a miña raíña e o meu rei ao meu carón. Están tan bonitos...
6/27/2004 02:43:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Xa fomos onte a inscribir a opedro no Rexistro Civil, para que teña capacidade xurídica, sexa suxeito por dereito e quede inscrito nos libros da historia; así que agora, haberá que andar pendente da prensa para ver se o atopamos saíndo nos natalicios dalgún xornal.

Onde sei que non o hei atopar é en El País, aínda que con estas procuras, xa din cun xeito para chegar de forma gratuita aos seus contidos, así como de calquera de outros moitos xornais de pago, ou de rexistro obligatorio, de todo o mundo. Así que, eis o que atopei, o Bugmenot, un servicio que nos fornece de passwords para esta clase de sitios web. Apenas que poñer a dirección, premer en show logins E fozando un pouco, pódese ligar directamente aos contrasinais de El País. Ah! e se non traballa... a probar o seguinte contrasinal.

Tamén nos deron o Libro de Familia, pero ese foi outro conto...
6/24/2004 12:47:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Opedro no colo do seu pai



A comezos deste mes comecei cunha tarefa que hai tempo que tiña cavilado. Coma todos os anos, o meu pai fai anos no mes de xuño e, desta vez, fíxenlle un agasallo que xa me viña facendo ilusión desde hai tempo.

Así que desta vez, fun quen de coller o teléfono e falar coa hemeroteca do Faro e díxenlle o que pretendía, quería ter un facsímil do xornal do día en que nacera o meu pai. Contoume que a edición facsímil non a podería conseguir, que tiñan todos os arquivos dixitalizados e que tería que me conformar cunha impresión en formato A4. Catro días máis tarde fun até Chapela e o señor da hemeroteca xa estaba agardando.

Déume malas novas, o xornal do día que me interesaba, que estaba composto por só dúas follas, tiña a primeira delas rachada. Desilusón. E o peor foi que entre os orixinais dese día que conservan na hemeroteca, a empresa só dixitalizou o xornal ao que lle faltaba un cacho. Seica o fixera unha empresa de Mardrid.

Ocorréuseme preguntarlle se sabía se daquela saían os natalícios no xornal e despois de procurar durante unha media hora, tiña nas miñas mas unha copia do xornal de tres días máis tarde do que o meu pai nacera. Alí, nunha coluna adicada aos natalícios, puña que fora inscrito no Registro Civil de Bouzas un neno chamado coma o meu pai.

Cargado de ilusión fun, coas ampliacións que me fixo, dereitiño a un encuadernador, que foi quen me aconsellou sobre as tapas a poñerlle. Púxolle unhas tapas de cor azul escura e no lombo, díxenlle que lle gravase O Meu Faro de Vigo, no que ao final incluín tamén o Faro do día en que casou coa miña nai.

O señor da hemeroteca ao despedirse díxome que lle había gustar moito. Tiña toda a razón do mundo, agora garda os seus Faros antigos entre a súas lecturas máis satisfactorias.

Eu non o tiña visto tan ilusionado até unhas semanas máis tarde, mentres collía, ás poucas horas de nacer, ao Pedro para facerlle aloumiños, e cando non podía collelo, non paraba de facerlle fotos. E cando non tiña a cámara nas mans, dicíalle ao meu irmán que lle tirase fotos co móvil. E como se ve, aínda que até hai pouco era o móvil coa mellor cámara do mercado, a calidade da fotografía do Pedro no colo do seu pai deixa bastante que desexar.
6/22/2004 02:14:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Xa son máis de corenta e oito horas respirando o mesmo aire ca nós e opedriño e a súa nai están a facelo moi ben. Coas fortes dores que ten ao mover calquera parte do seu corpo, ela aínda tira forzas para facerlle aloumiños mentres el lle chucha os tetos, unha arte que xa comeza a dominar.

E eu, mentres tanto, perdín a conta das merdas verdes que teño limpado, só saín para evitar desnutrirme e para acompañar ás visitas a localizar a saída.

E aínda que non son canso de adoralo e como tamén temos que durmir, os seus tíos E e M trouxéronlle ao hospital a Tiger, un tigre máis pequenecho ca el, e que puxemos no cabeceiro do seu berce. Tiger, o pequeno compañeiro de Winnie The Pooh, pasa todo o día no seu berce coa única misión de vixialo mentres nós durmimos. Explicáronnos que o trouxeron porque non puideran traer ao Hobbes, o tigre amigo de Calvin, pois o seu creador, o Bill Watterson négase a facer "merchandising" coas súas criaturas. Para el son como fillos e eu, agora xa o comprendo.
6/18/2004 02:41:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente




Coa tecnoloxía dunha PDA Palm, unido via bluetooth a un móvil Sonyericsson Z600 usando redes GPRS podo escribir desde o hospital e comunicar ao mundo a seguinte información:

Hoxe non houbo ninguén neste planeta máis feliz ca min. Foi ver este homiño que está canda nós e explodín de ledicia entre bágoas. É indescriptible, sempre me dixeran que era unha experiencia única pero non puiden imaxinar que era isto.

Non leva nin doce horas connosco e todo é maravilloso. Mesmo até é emocionante o traballo que pasa para atopar o teto da súa nai pero na segunda tomada xa o fixo coma un experto.

Por mor da cesárea temos que estar por aquí até o domingo, así que, os que vaiades ás Crechas, ben podíades tomarlle un tróspiro á nosa saúde. Para a próxima irá un pailanciño.

E o de ver aos avós babeando co neto, outra maravilla.

E aínda que ningún dos nosos amigos sabe que tamén andamos pola web, graciñas por preocuparvos e polos vosos parabéns. E aos que seguides esta aventura diante dunha computadora, gracias por estardes aí.

O que comezou sendo Catuxa e despois foi Alexandre e vai ser o Pedro comeza unha nova vida. Que teña moita sorte. Nós vixiaremos para que sexa, polo menos, bo e feliz neste mundo tan complexo. Un máis únese ao clube dos bos e xenerosos...

6/17/2004 12:51:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Enviando desde a cafeteria do hospital. Ela, polo menos, sabe o que está a pasar no quirófano.

O que máis medo nos daba, a cesárea, e eu aquí abaixo sen poder facer nada.

Que impotencia. Só desexo que baixen ben os dous.

Moitos bicos, meus amores.

6/16/2004 01:23:00 da tarde | Escribiuno: opaco | Link permanente






Vimos de falar a través da liña telefónica. Son unha parella que casou hai catro meses e esta tarde apenas estivemos con eles. Foi no enterro da nai dela e a sogra del. Son tantos sentimentos, uns marchan e outros chegan.

Nun momento, durante o enterro, os nosos amigos pedíronnos auga. Corro cara unha cafetería , pido a auga, e compro tamén uns Werther's Echte, como me dixera a miña princesa. Díxome que ademáis de auga habían precisar de azucre.

Falamos do mal que o pasaron estas semanas e de como se enfrentarán á volta á rotina. Pregunta polo neno e rimos. Lembra o dos Werther's agradecendo o detalle... e dime que os teñamos informados.

Gústame pensar que os meus amigos son os mellores e que xa estamos na casa co pequenechiño de volta.

6/16/2004 02:37:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






As vidas dos que nos falan están a cambiar coma nunca o tiñan feito antes, aos mellores humanos que temos como amigos estanlle a pasar cousas impensables hai un tempo. Todos sabemos cal é a solución, eles tamén a saben, pero todos tentan esquecela. E a nosa vida... moito cambiou desde que hai uns sete meses o xine nos rodeou o día de hoxe no almanaque para dicirnos que o parto sería un destes, pero a nosa vida segue sen dar ese cambio tan bravo. O venres pasado, nun control prenatal, dixo que aínda era cedo, que non había ningunha complicación, pero que había que agardar.

Con todos estes peros marchamos todo o fin de semana para a a praia. Por un momento pensamos en pasalo na Illa, e abofé que podíamos telo feito, pero a precaución indicaba que nos quedasemos no continente, que agora, gracias aos colegas da sección sanidade, sabemos que o helicóptero non voa pola noite. Nin falta que faría o helicóptero ese, pois ata o de agora a miña nena non ten sentido contracción algunha. Aínda así, ben que o aproveitamos, pois, en vista de que a criatura non ten curiosidade en coñecer o que hai no exterior, levámolo a fermosas praias con fermosos amigos e amigas, e máis que fermosas e maravillosas conversacións, para ver se con todo iso se anima a saír. A min dáme o corpo que este pequenecho o que quer é deixarnos gozar un pouco deste verán e por iso está demorando.

Así que con todo isto na cabeza, fomos ás praias do Morrazo e tamén nos achegamos ata a cara sur da ría de Vigo para pasear os pes da miña amada pola area rodeados das conversacións dos amigos. E iso foi todo un achádego. Un deles xa coñecía aos Aduaneiros polas miñas recomendacións, así que lle contei onde estaba o seu derradeiro post e continuamos falando de cadernos e do who's who? no blogmillo.

Iso foi unha grande sorpresa, pois non sei porqué, sigo a manter ese muro de anonimidade mentres escribo por aquí aínda que penso que é porque me gustaría que me recoñecesen nunha desas casualidades da vida, que digan "mira quen carallo era". E mentres, o que xa anda por estes mundos dixitais,... dálle a explicarme que era ben fácil, animándome a escribir por aquí. Nisto, e a seguir falando, descubren para os meus ollos a personalidade real dalgún dos, para min, tamén anónimos que postean por esta parte do mundo.

No sobe-e-baixa das ondas cavilo na súa habilidade para disfrazarense e xa non sei como, falamos nas ervilhinhas que se dan neses pobos ao sur do Miño e no total descoñecemento, neste mundo globalizado, de que os que sempre comeron ervillas, non saben o que son os chícharos e que os que sempre comeron chícharos e todos os demais, deberiamos saber que na Galiza próxima a Portugal, as nosas ervillas son tamén as nosas ervilhas e tamén son os nosos chícharos e, o que é máis importante, son os seus guisantes... e sí, esta frase tamén sae nun fragmento do soño que teño para a Galicia do noso pequeno.
6/14/2004 02:12:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Ferruccio Lamborghini comezou a constuir tractores en 1948 e cando morre, en 1993, La Casa del Toro, así coñecida por ser un touro o símbolo da marca, pasa por unha época de problemas económicos despois de ter construído unha chea de tractores e de superdeportivos.

Estes días entra en servicio o agasallo dos de Sant'Agata Bolognese á Polizia Stradale, un Lamborghini Gallardo equipado especialmente para atender emerxencias e para o control do tránsito. Vén preparado para os primeiros auxilios cun desfibrilador e máis equipo médico, e con cámaras e sistema de comunicacións en directo para a grabación das violacións do código así como para a identificación das placas de matrícula.

E todo isto metido nunha estructura de aluminio cun motor de cinco litros, dez cilindros, 500 cabalos e tracción ás catro rodas. Total, un carro capaz de circular a máis de 300 km/h e que viría custando uns 200.000€ que aquí non nos valería de nada. Habería que ver como se desenvolvía nos atascos da AP9 e da A3, freando en todas esas curvas para non toparse cun camión case parado, cruzando a 60 km/h polo Porto, Maia, o Minho, Rande, Pontevedra,... e todo sen poder levar a ninguén detido... só dúas prazas.

Toda unha envexa para os que andan co Suzuki Vitara.
6/11/2004 01:34:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Hai cousas que sempre chaman a atención da xente, e os meus neurônios sempre tiveron debilidade por saber cousas que a unha grande maioría lle parecían estúpidas. Hoxe os meus neurônios reciben a seguinte información,

Se estás aderido a R e queres saber se un número ao que queres chamar é tamén cliente de R, polo de falar gratis para compensar o que cravan no resto dos servizos, non se che ocorra chamar ao teléfono de atención ao cliente, ao 1449, pois se non saberes se o titular é Pepe da Ramalleira, ou Delia a Vilana, ou se está a nome do Furancho da Basilisa, Lda. vas de cú. Nunca cho dirán.

Pero se chamares ao 1004 da Telefonica, diranche se é da súa rede. Se non for, súponse que polo de agora será de R, que son os únicos que portan as liñas por aquí. Vale, ou dos da Zona Franca, pero estes só dan acceso a empresas.

E se alguén usa a rede GSM de Telefonica, no 4477, e de balde, diranche se o número do que queres saber é sa súa rede ou non.

Non sei que pensar, hai cinco minutos vimos de recibir unha chamada telefónica cunha mala noticia. A nai dunha amiga entrou en coma. Polo que sabía do seu cancro, creo que o mellor que lle pode pasar é que remate logo o sufrimento. Só sei que os humanos temos unha grande capacidade para esquecer os malos momentos. Nuns demora máis e noutros menos pero é un xeito de protexer mentalmente a nosa integridade. Disque a vida é así, uns veñen e outros van. E eu teño que pensar no que ven e non no que foi, pero os meus neurônios van lembrando retais... do que lles peta.
6/09/2004 01:18:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Lembro grandes momentos con el. Coñecémonos en SCQ e durante moito tempo apenas compartillábamos cervexas e copas nas noites galegas. Agora anda a pasar por un momento difícil a xulgar polo seu compromiso de reducir a inxesta de líquidos.

Nunca ven con nós ás praias, que el chama, de pervertidos, e nós nunca vamos con el ás praias, como eu lle digo, cheas de xente con baixa autoestima e falso pudor; así que nós aproveitamos para espirnos na praia de día, e el tivo que agardar á cea, coa que nos agasallou a uns amigos, para espirse na súa chabola da praia. Pero para espirse emocionalmente, porque os calzóns non os tirou.

Aínda que non é máis que un bebedor social, ten unha estraña incapacidade para socializar sen a súa dose de alcohol. Dun tempo a esta parte ven perdendo tanto o control, que nós rimos a cachón con el cando nos conta de como a noite anterior saira con Ela, o seu amor inalcanzable durante os dous últimos anos. Lembra que todo ía moi ben e que, incluso, ían camiñando amarrados da man, e que non sabe que pasou, que debeu pasar algo terrible e o seguinte que lembra é a ela berrando, chamándolle borracho e acompañándoo a casa. El láiase de que xa non sabe como facerlle ver que quer algo máis que ir ao cine, que se só quer un amigo, que merque un can.

Máis tarde, e co queixo magoado de tanto rir, un momento de silencio ao carón do mar cando nos lembrou a emoción de escoitar naquel momento a Salve Marinera. Antes de chegar a casa aínda tiven tempo de ver como ía esquecendo o tempo a medida que ía afogándose co wodka.

Hoxe chama para preguntar que foi o que pasou a partires das tres da mañá, e dígolle que pode estar tranquilo, que el non fora a estrela da noite, que apenas caira unha veces e que moitos tiveron moita paciencia con el. Dime que vai a estar unha temporada sen beber e falamos da delicadeza coa que os medios levaron o asunto.

E con isto e agardando a proxima lúa chea, a nai da nosa criatura lembra cando dicía que se tiver un neno ía chamarlle coma el. E el di que quer ser o primeiro a sabelo, e que o seu problema co alcohol non ten relación con chamarse como se chama, non ten nada que ver cos nomes.

6/07/2004 02:02:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




Cada vez que falan dos de Cesantes encólleseme o corazón...

...e non podo pensar.
6/03/2004 10:04:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente






Leo na Porta do Sol, o diario de Jonathan Holland, unha parte do que recolle a a enciclopedia Britannica na súa edición de 1911 sobre Spain,
...entre os seus habitantes (os españois) inclúense os bascos e os cataláns, destacados pola súa actividade comercial, e os galegos, destacados polo seu carácter emprendedor.

Ao ver isto, non tardo nadiña en procurar por Galicia, e debaixo da Galicia polaca, comprobo como relacionaban aos galegos cos portugueses, e dicían que
os homes (galegos) son ben coñecidos por toda España e Portugal como afoutos, honestos e emprendedores, pero a maior parte deles son traballadores pouco preparados;...

Polo menos estes ingleses xa se decataban de que eramos diferentes...
6/03/2004 02:25:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente




URO VAM-TL

Os madelmans de España veñen de encargar para o seu exército setecentas cincuenta unidades do todoterreo leve Aníbal de Santana Motor, que lle gañou ao outro competidor que restaba no concurso, o URO VAM-TL, deseñado e fabricado na Vía Edison do Polígono SCQ.

De certo que é sospeitoso e fácil sinalar como culpable á Junta de Andalucía. A verdade que as presións polas dúas bandas existiron durante toda a realización das probas dos vehículos, feitas en Jaca e no deserto dos Monegros en Aragón, e en Córdoba e Cádiz, andaluzas, como Xaén, que é onde se fabrica o Aníbal.

Os dous todoterreo parten dunha concepción moi parecida, aínda que destacaría a frescura do deseño galego frente ao gastado modelo andaluz, con case que cincuenta anos en España, non sendo máis que un simple lavado de cara ao mítico Land Rover. Todo son destaques cara o Uro. Ten maior capacidade de carga, maior altura libre e cota co chan e maiores dimensións interiores. As prestacións son similares e do pouco a comentar é a incorporación do motor IVECO ao andaluz, de probada fiabilidade e que unido aos tres mil e pico ouros de diferencia no prezo a favor do modelo andaluz fixo que se decidisen polo modelo andaluz. Seica serían moitos cartos en tantas unidades.

O que non podo concebir é que o conselleiro de empego andaluz dese por feita a elección do Aníbal hai máis de dous meses, que os sindicatos non visen máis alá das terras castellanas, e o peor, isto non é outra cousa que seguir mantendo unha empresa artificialmente, unha empresa que no ámbito privado fracasou, imos traela a traballar para o sector público e salvámola. Sí, pero a costa doutros traballadores. Ou non son tan válidos os galegos coma os de Linares?

Porque para todoterreos de máis de catro toneladas aí o URO VAMTAC non ten rival, coma os bois de raza barrosa, a melhor do mundo...
6/02/2004 01:56:00 da manhã | Escribiuno: opaco | Link permanente