Flickr é unha ferramenta para gardar, organizar e partillar na rede fotografías de xeito sinxelo; e como xa hai quen o
explicou bastante mellor do que o poida contar eu, voume limitar a comentar o derradeiro achádego.
En Flickr pódense atopar unha chea de fotografías, fotos de calquera tipo, desde as fotos de descoñecidos no seu
casamento ou nas súas
vacacións, até as da
cea dos
patriotas da semana pasada cortesía de
Todo Nada, ou as
vistas que toma
willy desde o Monte Facho, no Morrazo.
E foi que din via
Alt1040 cunha crónica dunha extirpación dun tumor cerebral, na que o paciente comezou en agosto do ano pasado un
blo no que escribe sobre as migracións dos paxaros en New Jersey e agora nos conta como se está a recuperar da súa operación, incluindo un
set no Flickr (abstéñanse de picar no link os máis sensibles) na que nos amosa as fotos que fixo o seu neurociruxano mentres levaba a cabo a operación de extirpación do Alien, como el o chama, con comentarios e etiquetas explicándonos que é o que se ve en cada unha das fotos.
Mira que che hai cousas raras na rede...
Unha das aplicacións imprescindibles que nunca faltou na miña Palm é o
Tide Tool, que ven sendo unha calculadora de
mareas, así que o sábado, antes de sairmos para a praia, xa sabiamos que a marea estaría a subir e que estabamos con mareas vivas. Tamén foron os
islanders, un inglés e unha australiana, con Poppy, a súa
cadela que, máis tarde, soubemos que non tiña permiso para entrar no parque natural. A cadela, hai un par de meses, tiña medo de opedro, agora deixa que lle tire do pelo, que lle bata na cara, que lle pise o rabo e as patas.
E se hai algo que me gusta desa
praia é que con mareas vivas, na preamar, as rochas da parte norte convértense nun salto natural de ata catro metros de altura e uns tres de profundidade. E foi aí que o sol abriu paso entre as nubes, e na preamar o british e mais eu fomo dar uns
saltos. Estabamos a gozar coma críos, cando se decidiu a cadela a participar, e despois de saltar eu desde o máis alto, foi descendo polas rochas ata botarse ao mar e confundirme cun flotador; resultado, teño as marcas das súas gadoupas polas costas.
Para quen non soubese, á vista, as miñas costas parecerían marcadas cuns fustazos dun vergallo ou cos danos colaterais dunha pasión levada ao dano físico...
O cerebro ordena, pero o thc amortece a forza das súas ordes polo camiño, e os dedos seguen agardando novas instruccións. Agora escriben, cousa impensable despois do desgaste destes días.
Penso que as vacacións están aí á
volta e que aínda teño moito traballo por facer, e por facer, hoxe non fixen máis que zafar o día, a base poucos quilómetros que me animaron a coller só
dúas rodas para levar por diante co peito todo canto mosquito se me cruzaba. E eu, tanto me apurei que non adiantei nada, así que ao final tiven que deixar a moto e coller o volante para atender ao
Parrot.
E así é como volto pensar nas vacacións, nas marabillosas praias do
Papagaio... o importante é
desconectar do choio para non afogar.
O tempo pasa, imos polos trece meses e o mundo do noso neno deixa de ser o do noso bebé , agrandándose e achegándolle novas
experiencias aos seus sentidos.
Para nós, ademáis das alegrías de ver como aprende novas técnicas a cotío para resolver problemas, coa súa autonomía aumentan as preocupacións, chega o momento de poñerlle límites e de dicirlle NON con cara seria.
Van para as nove da mañá e eu vístome mentres opedro está a beber o leite deitado na nosa cama. Sígueme cos seus ollos dun lado para outro e cando está rematando, retira a tetina do bico e solta un suspiro de satisfacción. Dígolle que ten que tomar máis e volta a chuchar. Apenas catro chuchadas, retírao e comeza a xogar co biberón...
Comeza un novo
día.
Nada máis chegar á
praia, chamou a nosa atención a gamela que estaba fondeada en fronte nosa. Non estabamos na
Côte d'Azur e a pregunta que nos faciamos era a mesma que nos fixeramos en
Montecarlo.
Quen pode necesitar un helicóptero no seu iate? Segundo o
Faro, un
businessman escocés é o propietario deste megaiate que desapareceu este ano da
lista dos cen maiores do mundo e no que
estaba até ben pouco cos seus 56 metros de eslora.
Había todo tipo de comentarios na praia, de se era de tal que sei eu, se do outro ou se dun de máis alá que viña a coller
sitio, pero ata o de agora, o maior iate visto por estes meus ollos nestes mares fora o do
Ortega, que ao carón deste, ben semellaría unha chalaniña.
Moita xente sería a que deixaría de pasar fame cos cartos precisos para manter este barco. A min daríame vergoña, pero non por iso hai que negarlle gusto ao armador ou ao patrón á hora de escoller a praia para fondear.
E para quen teña curiosidade, máis fotos do producto deste
estaleiro,
aquí, e para quen teña máis curiosidade polos números, que saiba que encher o depósito deste chupón, pode costar ao redor dos cen mil euros; si, 100.000?
Unha
Xbox modificada mais o
Xbox Media Center permiten ter un auténtico centro multimedia no teu salón. Aínda así, cada certo tempo xorden novas funcionalidades. Estes días é noticia porque cun novo
script pódense ver as túas fotos do
Flickr na tele do salón, cousa que fixo que outra
actualización dunha ferramenta para estas máquinas non fose tan comentada, e é a posibilidade de consultar as suscripcións RSS do Bloglines na televisión utilizando o control remoto desde o sofá.
Hai un tempo falara do
Bloglines como ferramenta para manter actualizadas as lecturas dos blos que sindican o RSS, algo do que
Dorfun dera unha explicación moi completa do qué é e para que serve. Eu recuperei unha anotación de
Microsiervos, na que analisan a cuota de mercado dos lectores RSS, dándolle ao Bloglines unha cuota de case o vinte por cento. Dubido moito que estes resultados poidan extrapolarse á internet galega, portuguesa ou española; máis ben, diría que a maioría de visitantes dos blos galegos chegan a través dos marcadores ou dos favoritos do seu navegador web, e unha pequena porcentaxe chega mediante lectores RSS.
Como xa fixera
daquela, estiven a consultar o número de suscriptores aos blos aos que eu mesmo estou suscrito e desta vez os cinco primeiros con máis lectores saen como sigue,
Días estranhos, 28 suscriptores,
Aduaneiros sem Fronteiras, 27,
A Dorfunteca, 16,
O Quilombo e
Orballo, 14,
e
A Regueifa, 13.
Deste top five particular desapareceu
Delirios dun Informático, que agora ten feeds diferentes para o blo en español e en galego, do que semella que son o único suscriptor, e aumentaron significativamente a Regueifa e os Aduaneiros.
De entre os blos de galegos escritos en español, se ben daquela non o comprobara, o que ten maior número de suscriptores é o de
Enrique Dans, quen, non hai moito tempo, estivo por acó
falando do que mellor coñece, a Internet.
Pois iso, máis números para pasar o tempo.
Escribino onte, un pouco máis lonxe de casa e a golpe de stylus, pero o GPRS de Movistar debe terlle apego ao ladrillo e non vai entre a herba...
Durante a semana parei dúas veces en
Baroña e, tanto ben fixo ese pouco de mar entre os meus quilómetros que, aquí estamos todos.
Nas casas rurais d
o Son non fomos quen de atopar cama libre pero chiváronnos as palabras máxicas para telefonear a Turgalicia, Casa do Tarela. Alí non sabían de que lle falabamos e foi
Google o que mellor proveito lle sacou. Amosounos
resultados.
E aquí estamos, subindo estas letras desde
Lousame, a través dun ceo limpo, lonxe dos ruidos e baixo o teito dunha casa rehabilitada. Da familia que a leva só podo dicir cousas boas, parece que lle vai a vida en atendernos.
E opedro, ben; Mr. Sorrisos fixo boas migas coa rapaza da casa e, cando marchabamos da praia, fixo o seu número de circo na terraza do bar. Coa colaboración de dous cans, e a forza de darlles bicos e cariños nos fociños, logrou arricarlle un bico á cadela boxer, un bico sabor a lambetada de can que-dá-cóxegas, cando era el o centro de atención dos clientes do local. E foi el, Opedro Sen Medo quen, despois de repetir a actuación até a saciedade, pediu o aplauso dos presentes batendo palmas. Só lle faltou pasar a gorra.
Aquí quero estar, así quero estar. Eles están comigo e non facemos máis que rir.
...e foi lindo mentres durou, sen sequera un GPRS para decatarme de que non ten o mesmo
Bagdad que
King's Cross, o primeiro dá 27 posts e o segundo 3.222....
Ela falaba de
santorum, pero eu quedei con ganas de saber que lle pasa ás mulleres coa masturbación...
Microsiervos levoume
aló, La Crispación abriume os
ollos co
audio e a COPE deixoume cunha
dúbida.
Vai chegando a hora de tomar unha decisión. Na volta dun mes estaremos de vacacións e as opcións son moitas pero as ideas son máis ben poucas.
Marcado polo apuntamento ás vacacións da curmá de opedro e mais dos seus pais, non somos quen de decidirnos. A opción máis cómoda sería optar pola casa que nos emprestan no
Puerto de la Cruz na illa de Tenerife, apenas teriamos que comprar un
billete de avión e alugar un coche alá.
Pero..., non teño nada contra a compañía, agradécese as mais das veces, mas xa é abondo viaxar con opedro e todo o traballo que conleva gozar con el, como para viaxar cunha nena que é dous meses máis
pequena ca el e da que dependeremos.
O domingo pasado, comentando as posibilidades de viaxe con eles, os meus medos confirmáronse ante a súa suxerencia de se non sería mellor collermos un hotel con piscina e coa media pensión para aproveitarmos as sestas dos críos para dar un baño na piscina. Para iso, voume de vacacións ao
Rosal, que ha ser bastante máis barato, tanto ou máis lindo e a viaxe e as estadías haberían ser máis cómodas e tranquilas.
Sempre fun pouco amigo das viaxes organizadas e das masificacións nas vacacións, o que querería sería apenas un lugar a máis dun día de casa, facer
excursións á procura de praias paradisíacas onde poñer o cu ao aire e cambiar con opedriño e mais a súa nai a rotina de todos estes meses de traballo en augas máis
cálidas.
Con pouco tempo para saciar a sede de información e pensando no pouco tempo que teño para lastrar o coche co gasoil necesario para rodar, leo ás presas os feeds que botaban por fóra do bico do
lector.
Se a semana pasada foron moitos os quilómetros que gastei, esta semana ten trazas de ir polo mesmo camiño, así que aproveito a mañá para facer algunhas cousas que non poderei facer en toda a semana. Nunha destas, falo cos que emiten os permisos de circulación para aclarar unha
dúbida. A pesares de chamar á oficina máis
próxima, colgo o teléfono coa sensación de ter falado coa máis
lonxana e venme á cabeza un post do EMF que pasou por diante miña pouco antes.
Conta
EMF que nunha entrevista de traballo destacaron que falaba
gallego cerrado.
Mentres tanto e
non tan lonxe de aquí, os procesos de selección desbotaban aos de
marcado acento castellanoparlante
.
E eu me pregunto se a
este alguén lle daría choio para atención telefónica?
En directo desde o peirao de Cabo de Cruz, o sol promete un fin de semana na praia e eu agardo por quen dixo que hai media hora habia estar aqui.
Tenho tanto por facer que as ansias poden coas minhas unllas. Agora xa son eu o que fai agardar aos meus compromisos. O telefono bota fume. As escusas e mais a bateria esgotanse.
Xa estan ai, marcho. Preciso unhas vacacions xa.